TEXTO

ITINERARIO POLAS IGREXAS ROMANICAS DE VIGO

Publicado polo Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo. 1996.

Distribúe: Galaxia

Autor: FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA

Debuxos:

­ JOHN KENNET CONANT

. A Catedral de Santiago de Compostela.

­ DANIEL CASTELAO

. Cruces cumiais.

­ FCO. JAVIER OCAÑA EIROA

. Tipoloxía de plantas do Románico Galego.

. Cuadrifolios semicirculares.

. Vocabulario técnico.

Debuxos das Monografías:

­ SANTIAGO DE BEMBRIVE

. Santiago Barros Portas.

. J. Daniel Valladares Otero.

. Alfonso Rodríguez González.

. Ana Castro Fernández.

­ SANTA MARIA DE CASTRELOS

. Angel Manuel Fernández Alonso.

. Alfonso Rodríguez González.

. María Castro Fernández.

­ SAN SALVADOR DE CORUXO

. Rosa García Couto.

. José Manuel Diéguez.

. Miguel Ferreiro Lorenzo.

. Jorge Alonso García.

NOTA DE AGRADECEMENTO

Débese agradecer, moi emotivamente, a colaboración da Escola Superior de Arquitectura da Coruña na cesión dos planos das igrexas citadas, polo que de favor á comprensión dos textos se refire.

Especial agradecemento debe concretarse no Departamento de Composición e no seu director D. Celestino García Braña, así como a tódolos que colaboraron na elaboración dos planos.

Así mesmo, débeselle igual agradecemento ó Departamento de Cartografía e Delineación do Concello de Vigo, especialmente a D. Alfonso Rodríguez González, que con dedicación e entusiasmo colaborou na factura dos planos das igrexas, sen a súa profesionalidade sería hoxe este libro máis pobre e menos brillante.

ÍNDICE

­ LIMIAR

­ PREÁMBULO

­ INTRODUCCIÓN

­ APROXIMACIÓN HISTÓRICA E DOCUMENTAL

­ ARTE E ESTILO ROMÁNICO

­ TIPOLOXÍA DE PLANTAS DO ROMÁNICO GALEGO

­ MONOGRAFÍAS:

SANTIAGO DE BEMBRIVE

SANTA MARÍA DE CASTRELOS

SAN SALVADOR DE CORUXO

BIBLIOGRAFÍA SELECTIVA

VOCABULARIO TÉCNICO

LIMIAR

"Se hai un campo dos estudios vigueses pouco explorado e menos divulgado é o do noso románico", soía decer Pedro Núñez Pequeño nas inesquencibeis tertulias da Sala de Profesores do Santa Irene, anos sesenta, onde se pasaba revista exhaustiva, todas as semanas, ao presente local, con excursións constantes ao pasado.

Así e todo, felizmente, e sobre o antecedente xeral dos historiadores da bisbarra de Vigo e do particular da publicación de Eduardo Bragado e Rafael Sánchez ("O Vigo das igrexas románicas"), aparece o presente Itinerario das igrexas románicas de Vigo, de que é autor Fco. Xabier Ocaña Eiroa. Libro este que non cede ao clima de pedagoxismo xeneralizado que nos agrede e que, sen deixar de ser de utilidade educativa escolar, pola súa amplitude de información e polo seu rigor metódico constitúe unha importante aportación que, desde a disciplina da historia da arte, vén deitar unha luz definitiva sobre as construccións eclesiásticas románicas da vella Terra de Fragoso.

Case todas as parroquias medievais das que temos noticia documental seguen sendo entidades socio-culturais con personalidade propia e diferenciada no presente, incluidas as engulidas polo crecemento urbano, os seus templos, aínda os transformados ou reconstruídos, aséntanse probabel ou seguramente, nos mesmos solares nos que se fundaran os primitivos e, os seus nomes están plenamente vixentes para gozo daqueles que saben sentir o que Risco chamaba "emoción de sedentarismo" e que resulta imposíbel de separar da conciencia nacional galega. É coma si, somente tres igrexas conservan, total ou parcialmente, a súa fábrica románica, a saber: Bembrive, Castrelos e Coruxo. Conservamos noticias súas en diversas fontes dos séculos XI, XII e XIII, pero sobre todo, o máis precioso é que conservamos os edificios, e podemos introducirnos nos seus interiores silentes, aspirar o seu arrecendo a séculos, gozar coa vista das súas ornamentacións na que se cifra o infinito imaxinario medieval, admirar as solucións sistémicas das súas estructuras e soñar, visitándoas, a vida agraria e cotián que agurgullaba ao seu redor nos dias de Diego Páez, de Don García, da secesión de Galicia con Afonso VI, do esplendor do noso idioma no tempo poético dos Cancioneiros, da servidume dunha xente instalada na gleba que mantiña, e mantivo ata hoxe, a tradición sustancial de Galicia. Podíamos, mesmo evocar, o intre de fulgor destas igrexas, cando o policromado dos tímpanos e capiteis e as pinturas murais das ábsidas e as bóvedas eran unha festa de luz, de cor de formas hieráticas que a decadencia e as inxurias do tempo foi apagando até deixar o rostro destas construccións románicas mineralizado e reducido ás tonalidades da pedra de gra, como están hoxe, despois de que o século XIX e XX lle arrincara o cal.

Este libro está, home non, concebido coma un itinerario, non en vano foi pensado e traballado por Fco. Xabier Ocaña Eiroa no país das mil romarías e no país no que o Camiño de Santiago verquía as súas augas de cultura e de comercio de xentes e mercadorías. No país en suma, que na Catedral Compostelana lle oferecía á Cristiandade (ollo: aínda nin Europa nin Asturias se nomeaban así), o modelo absoluto de arquitectura románica que, en certos modos, é arquitectura erixida ao carón dos camiños. Non esquezamos que, para a mentalidade medieval, a vida do home é un camiño sobre a terra: mas cumple tener buen tino/para hacer esta jornada/sin errar", que dixera aquel Manrique que combatera contra a nosa Dona Joana, a Excelente Señora que poido unificar España con capital en Lisboa.

E ben, a rota escomenza nun dos varios lugares de Galicia que foron chamados Bene Vivere: este noso, Bembrive, cun encantadora metátase que lle pon un cariz aparentemente céltico ao topónimo. Edificio severo, cos seus arcos apontados que anuncian un gótico que a penas é futuro. A ornamentación de rosáceas, como en Castrelos, fai evidente unha pervivencia da arte castrexa protohistórica, e retrotráenos aínda máis lonxe e atrás nunhas espirais que nos poñen no abismo dos tempos. "Partimos cando nacemos"; a nosa viaxe orixínase en Bembrive e convén facer coincidir este inicio coas floracións das cerdeiras, que naqueles eidos é espectacularmente glorioso..

De Bembrive pasamos a Castrelos, a poder ser polos vellos camiños, hoxe ben estrados de piche, ou polo circuíto que Ocaña sinala. Alí nos atopamos cunha peza perfecta, de proporcións soberáns, que alguén calificara, de xeito algo mixirica, como "relicario de pedra". O ornato insiste, abondantísimo, nos motivos ancestrais. Un entorno de escenografía chea de carácter, é formado polo torreiro, a igrexa e a casa rectoral, esta de aspecto arcaizante e severo. Pois ben, non debemos senón avisar de que este templo debe ser visitado no día da Virxe das Candeas. Nesta xornada na que se cristianiza algún mito pagano da luz, no interior de Castrelos se escenifica unha vellísima cerimonia simbólica na que se ceiban pombas brancas, se acenden candeas, se oferendan tartas, e as imaxes danzan nos hombreiros dos viciños ao son dunha fermosa música de gaitas. Semella entón que o tempo retrocedeu e que estamos nos días en que Castrelos era consagrada. Pero non é así e temos que voltar de novo ó camiño: "andamos mientras vivimos".

Porque debemos chegar a Coruxo, onde admiraremos a súa cabeceira, que consta de tres ábsidas de excelente feitura, que amosan, na súa robusta solemnidade, a pertenza do edificio á potente abadía de Celanova fundada no século X por Rosendo Gotérrez, home de armas, de política e de Igrexa. Alén desta cabeceira, a igrexa de Coruxo máis nada de románico conserva. Orabén, dado que a illa de San Estebo ou do Norte, das Cíes, pertenceu ao seu couto, non podemos terminar a nosa pelerinaxe sen lle adicarmos unha memoria á Punta do Cabalo de Fóra, onde aniña, ou debera aniñar, o arao dos cons e pensarmos se os monxes bieitos de Celanova chegarían a saber que eran posuidores de tal riqueza ecolóxica. E como, da cabeceira de Coruxo, parte un camiño que nos leva a Chan de Brito, propoño que rematemos a excursión visitando a súa fraga e a várcea de Fragoselo, entre os Outeiros de Coruxo e a liña dos montes das Eiras e da Alba, que é un lugar paradisíaco, un lucus amoenus que merece a pena frecuentar, poñendo entón, fin á viaxe de nós, nun furancho ou taberna da zona. Algún siareiro poderá decer co trobador do século XIII "... acendo albergado/en ua pousada, chegaron romeus".

Fin do camiño, que non será, por fortuna, a fin da vida neste caso.

E se emprincipabamos este noso textiño citando a Pedro Núñez, fechémolo mencionado o feito seguro de que outro Pedro, esta vez Día, o actual mestre vivo da arqueoloxía viguesa, gozará deste leición de Fco. Xabier Ocaña Eiroa. E metidos xa en fariña, reclamemos para a nosa cidade dúas pezas medievais que lle foron sustraidas ao amparo da incultura reinante noutras épocas (con vastas prolongacións nesta): o tímpano de Santa María de Vigo, do século XIV, que se garda nas ruinas de San Domingos de Pontevedra, e o Salvador, románico, presumiblemente orixinal, vello Santiago de Vigo, igrexa situada na aba do Castro, na Areosa, que foi parar ao Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid. Só así completaremos a herdanza medieval de Vigo que as cántigas de Martín Codax fixeran célebre no Mundo.

Xosé Luis Méndez Ferrín

PREÁMBULO

A nominación de Itinerario escolar polas igrexas románicas de Vigo para un libro supón o case inmediato recoñecemento dunha obra infantil de carácter divulgativo para aplicar nas escolas. A certeza de que iso debe ser así, non exclúe a capacidade de aplica­lo termo "escolar" a todo aquel que desexa aprender e sentirse escolarizado, que é: instruído por outras canles cás da infantil presencia nas aulas; pois lamentable concepto é o daquela persoa que considera o seu período escolar ou de aprendizaxe referido só ó ámbito e canle dos seus antigos profesores de infancia.

Se a vida é aprendizaxe, quere dicir que arreo estamos escolarizados, atentos ás cousas que nos fagan medrar intelectualmente, sen idade e á hora que se presenten.

Para todos escribín este libro, coa conciencia de que á vez eu tamén escolarice e poña a punto os meus coñecementos sobre materia que me gusta. Mais foi a miña intención inicial dedicarllelo ós escolares máis novos, a aqueles que aínda non prestan atención a estas cousas, porque coa atención dos "maiores" podo contar con ela. Son os pequenos ós que quero interesar nas cousas románicas, nas igrexas da súa cidade e no contorno medieval nas que están situadas.

Isto é así porque, se conto co interese dos maiores, terei que esperta­lo dos cativos. Eles son os que saen do seu "cole" cos seus profesores para realizar visitas ó Concello da súa cidade, ó Zoo, ó parque de bombeiros e a outros moitos sitios. Sempre crin que a historia dunha comunidade é máis interesante se se visita que se se estudia nos libros, mais hai que se achegar a ela a través dos mesmos. Por iso escribín este libro, se cadra mellor libreta, para utilidade dalgunha saída escolar, para que os alumnos e alumnas novas coñezan algo máis o contorno cultural e histórico no que habitan, e por iso non deban ser escolarizados máis tarde nesta materia para poder afondar noutras.

Por non ser unha materia doada de entender, procuraremos explicarnos mellor en planos e debuxos que farán máis comprensible algo que parece moi seco no texto e árido en presencia do edificio. O labor de comprensión de planos e debuxos é fundamental para logo penetrarmos de forma axeitada no texto. Están, unha parte deles, realizados por escolares mozos, estudiantes de arquitectura, que puxeron todo o seu esforzo e ilusión en capta­lo interese dos máis reticentes.

Pódese pensar que unha obra dirixida a estudiantes novos debería ter como resultado que cada alumno/a posuíse un exemplar na súa visita. Certamente, así debera ser, sobre todo para acumulalo na infantil biblioteca que cos anos se recorda con agrado. Pero nunha comunidade escolar tan ampla como a de Vigo non creo que haxa institución que poida soportar esta carga económica, polo que considerei dirixi­la obra cara ó profesorado que decidise optar por esta alternativa de "saída cultural", co fin de que poida orientar convenientemente a excursión e lles fagan entede­las dificultades ó alumnado, quizais repartindo fotocopias dos planos, ou do xeito que os profesores e profesoras consideren. Achegouse ó final da obra un apartado de vocabulario técnico para facilita­la comprensión dos inevitables termos científicos.

Só resta desexar que o que realizamos con ilusión teña algún efecto positivo para todo aquel que queira escolarizarse ou ser escolarizado en materia románica a través do libro. Para unha mellor comprensión da historia que nos rodea escribiuse esta pequena obra.

Gracias a tódalas/tódolos que o fixeron posible, e gracias ás/ós que o aproveiten.


INTRODUCCIÓN

O feito de que Vigo sexa unha das cidades europeas que máis medrou no último século non quere dicir que se tragase a súa historia pasada, ou que o fulgor do presente ensombreza o acumulado polos seus antigos habitantes. Tanto é así que a cidade lle debe o seu topónimo a culturas anteriores establecidas nos seus lares, que de ningún modo deberon carecer de importancia se considerámo­los restos arqueolóxicos legados. Refírome ás lápidas sepulcrais romanas achadas na rúa Hospital na década dos anos 50, ou ós vestixios castrexos da zona do Castro.

A riqueza da historia da nosa cidade xorde en cada un dos seus recantos con vigor e firmeza, independentemente da época á que faga mención. Aínda que a historia actual da nosa urbe está determinada polo auxe económico que proporciona a industria moderna, é así por ser lugar de aglutinamento e encontro de xentes que con diferente ou similar cultura participan dunha das grandes coordenadas seculares da bisbarra viguesa: a súa grande e diversa humanización desde a noite dos tempos, co acollemento no noso hábitat de xentes foráneas, que despois quedaron entre nós para formar unha historia común. Os avatares históricos e económicos dos últimos 100 anos de vida da nosa cidade son un exemplo claro do exposto, superpondo xeracións de limítrofes que fixeran de Vigo o que hoxe é, ben sexa nunha relación xeográfica tan próxima que comprometese medios de locomoción como o tranvía ou o barco da ría, ou en relacións comarcais de traslados de poboación definitivos, ou as inxerencias estranxeiras que houbo na nosa urbe.

É precisamente na Idade Media cando se fai máis claro o grande poboamento da comarca viguesa. A documentación medieval dispoñible fai referencia continua a igrexas situadas na periferia do que se podería concretar como un núcleo urbano principal, que formaría un corredor desde o Areal ata a Laxe. O que hoxe se consideran barrios periféricos, xa o eran daquela, porque aparece citada convenientemente a súa igrexa nos documentos da época. Loxicamente haberá de supor que a igrexa lle daba servicio a un núcleo de poboación existente no seu contorno parroquial.

Aparecen xa coas súas advocacións correspondentes, as igrexas románicas de Vigo, as de Santa María, Bembrive, Santiago, Teis, Coruxo, Sárdoma, Beade, Freixeiro, Castrelos e así ata 15 igrexas.

Nun único documento, do 1 de decembro de 1156 cítanse 7 igrexas en bloque na comarca. Proba de todo iso é o grande poboamento e humanización da área da nosa cidade nos séculos XI, XII e XIII, con localizacións rurais iguais ós barrios periféricos de hoxe en día.

De todas elas só quedan 3 en pé. Outras moi arranxadas ou incólumes ó tempo, a maioría desaparecidas anuncian a importancia económica dos lugares onde se asentaban, que non eran outros cós campos e terras do Val do Fragoso, no seo do cal durmiron o soño secular dos tempos. Hoxe non facemos con este libro, senón esperta­las que quedan para que amosen as súas belezas e características ós actuais residentes, nun afán de recoñecemento histórico do que foi o noso contorno hai agora 800 anos aproximadamente. Conseguir descubrirlles esta etapa ós escolares, e a quen o desexe, non é outra que a ilusión dos que nos comprometemos a divulgala.

APROXIMACIÓN HISTÓRICA E DOCUMENTAL

A oportunidade de realizar este traballo está cifrada en contrapo­la miña opinión á que de común existe sobre as igrexas románicas de Vigo, dividida en dúas vías fundamentais. A primeira delas é se hai igrexas románicas en Vigo. A segunda, se as que hai teñen importancia dentro da arte románica.

A primeira das dúas cuestións revela ata que punto estivo abandonado o valor patrimonial da nosa cidade, o descoñecemento do moito que floreceu a nosa bisbarra en épocas anteriores. Eu creo que o esquecemento dos restos medievais de Vigo é moi superior ó das outras artes e culturas anteriores latentes aínda nas nosas terras non edificadas, como son os restos romanos e castrexos. Se da arte visigoda ou mozárabe se tratase, comprenderiamos mellor o esquecemento debido á inexistencia documental destas artes, do mesmo xeito que acontece coa gótica e coas arquitecturas posteriores.

Poderíase desculpar dalgún xeito esta actitude de comprendermos que os edificios modernos, tanto civís coma eclesiásticos, cubriran con novas construccións un baleiro só cuberto pola parte documental. O feito de que descoñezamos case toda a nosa historia medieval débese achacar ó descoido patrimonial de divulgación e ó excesivo afán de modernidade da nosa cidade, mergullada no auxe económico que fai valoracións máis importantes do presente ca do pasado.

Certamente en Vigo quedan igrexas románicas, como existen tamén nos núcleos urbanos doutras cidades galegas. Xa afirmamos, e concretarémolo máis adiante que os documentos medievais citan ata 15 igrexas das épocas dos séculos XI, XII e XIII. Algunha delas tan ligada á nosa cidade coma o é o poeta Martín Codax que as cita nas súas melancólicas cantigas. Tamén dixemos que un único documento, do 1 de decembro de 1156, cita en bloque 7. Iso é así porque existía un grande poboamento e unha grande humanización da área de Vigo nos séculos medievais citados. As tres igrexas románicas que quedan en pé, con maiores ou menores modificacións son: Santiago de Bembrive, Santa María de Castrelos e San Salvador de Coruxo; á parte de restos dalgunhas outras. A escaseza deses restos fai imposible a análise de estructuras e decoracións, pero que nos fornecen de suficientes datos físicos para comprende­la súa antigüidade medieval. Nós dedicarémonos á análise das tres citadas, por seren as que conservan as estructuras románicas en mellores condicións.

Este libro concibiuse dende a óptica da historia da arte. Con todo, non pretende esgotar nin explicar de xeito total os compoñentes artísticos esquecidos das tres igrexas. Mais todo traballo artístico que se considere tal debe contar co apoio subsidiario ou principal do estudio das épocas históricas ás que fai referencia. O feito de que non nos acheguemos non é por desidia, descoñecemento ou esquecemento, senón por considerármo­la bibliografía recente moi axeitada para este mester, e porque non debe se­la nosa tarefa repeti­lo que outros escribiron con tanta fortuna e atino.

A este respecto débolle recordar ó lector que se dirixa ás historias de Vigo publicadas, mais especialmente ós traballos do antigo cronista da cidade, de tanto talento, Xosé María Alvarez Blázquez, nun recente volume compartido con outros autores do seu Vigo en su historia, así como a súa obra ontolóxica La ciudad y los días. Nelas poderase atopar sabedoría máis que abonda para afronta­los séculos medievais da nosa cidade. Unha publicación moito máis específica e recente, de grande valor tanto investigador coma compilador é a escrita conxuntamente polos autores Eduardo Bragado Rodríguez e Rafael Sánchez Bargiela que leva o título O Vigo das igrexas románicas.

A nosa introducción nos ámbitos que todos eles desenvolven non sería senón copiar ou emula­los seus traballos. Tratamos nós só de completar artisticamente as escasezas que neles atopamos.

Malia a todo non temos máis remedio que reproducir datos históricos que dun xeito puntual se refiren a igrexas do noso medio e que foron achegados por eles. Faremos mención dos documentos xa publicados para apoia­la humanización da bisbarra medievalmente. Con iso non facemos máis que lle dar resposta á primeira das cuestións sobre se habería igrexas románicas en Vigo. Os datos son como seguen:

­ 29 DE OUTUBRO 1024.

Afonso V concédelle ó arcebispo de Santiago a igrexa e couto de San Pedro de Benevivere (Bembrive), en termos de Vigo.

­ 13 DE ABRIL 1118.

Pelayo Díaz déralle morte a un home dentro da igrexa de Santiago do Penso, sita na ladeira do Castro.

­ AGOSTO 1142.

Afonso VII outórgalle ó bispo de Tui, Pelayo Meléndez, o reguengo de Benevivere.

­ 25 DE ABRIL 1145.

Juan Moago e Nuño Méndez dóanlle ó bispo de Tui don Pelayo, a igrexa de Tex (Teis) que se acha "in Toronio in terra de fragoso sub monte Matrona (Madroa) discurrente rivulo Fervenza prope litus maris".

­ 9 DE DECEMBRO 1152.

Afonso VII concédelle ó mosteiro de Celanova a illa de Santo Estevo (do Faro, ou Norte, nas Cíes) e o privilexio do couto do cenobio de San Salvador de Coruxo, dependente daquel.

­ 1 DE DECEMBRO 1156.

Afonso VII, en unión dos seus fillos don Sancho e don Fernando e da súa esposa dona Rica, confirma a división de bens pactada entre o bispo de Tui, Isidoro, e o Cabido, en iguais proporcións para todo o territorio do bispado. Segundo esta repartición correspóndelle ó bispo "in terra Fragoso", a metade da igrexa de Santo André de Comesaña, tres partes de Santo Estevo de Beade con seu couto, a totalidade de Santiago de Bembrive co seu couto e a totalidade de Santiago de Vigo. O Cabido, dentro desta mesma demarcación, a igrexa de Santa María de Vigo íntegra, Santa Mariña e San Miguel de Cabral, tamén íntegras e San Cosme de Castinaria. Afonso X confirmou esta repartición o 5 de agosto de 1279.

­ 4 DE MAIO 1158.

A condesa dona Fruila Fernández cédelle ó mosteiro cisterciense de Melón un extenso herdo que posúe no val do Fragoso, chamado das Condoniñas ou de Vigo, os seus límites eran: dende San Tomé de Fraxinario (Freixeiro), por Lamas de Carracedo e polo Spinarium, de Mirlem e polos Pazos; de alí subía ó Castro e descendía polo camiño de Fonte Arcata.

­ OUTUBRO 1163.

Fernando III premia os bos servicios que lle fixera Fernando Viniales, e dóalle todo o seu reguengo da vila de Rivomala en termos de San Tomé de Fraxinario (Freixeiro).

­ MARZO 1170.

Fernando II dooulle ó bispo tudense, D. Xoán I, diversos bens reguengos, entre eles a igrexa de Santa María de Vigo coas súas terras.

­ 12 AGOSTO 1179.

Fernando II confirma a doazón á mitra tudense do castelo de Santa Helena, no couto de Turonio, que "est in terra de Minor", mailo termo de Benevivere, ó que se lle engade o de Biaby (Beade), "in terra de Fragoso".

­ AGOSTO 1180.

Á doazón anterior engade agora Fernando II a metade da igrexa de Santo André de Comesaña, en favor do bispo de Tui, don Beltrán.

­ ANO 1183.

O prelado tudense don Beltrán e Pedro Pérez, veciño de Vigo, realizan unha concordia en relación coa igrexa de Santiago de Vigo.

­ 5 DE XULLO 1203.

Nunha composición ou avenencia entre Juan Núñez e o seu neto Pedro, perante o xuíz do Fragoso cítase a igrexa de San Pedro de Sárdoma, que ata daquela non aparece documentada.

­ ANO 1216

Conságrase a igrexa de Santa María de Castrelos, de xulgarmos pola inscrición existente tralo retablo do altar lateral do lado norte.

­ 26 DE XULLO 1228.

Afonso IX, temporalmente en Sarria (Lugo), confirma a doazón de Afonso VII (9­XII­1152) da illa de Santo Estevo ó mosteiro benedictino de Coruxo dependente pola súa vez da abadía de Celanova.

­ 12 DE MARZO 1232.

Fernando III confirma en Tui a doazón a prol do mosteiro de benedictinos da illa de San Martiño, das Cíes, que outorgara o seu pai, Afonso IX.

­ ABRIL 1245.

Menendo Núñez fai doazón ó bispo don Lucas de Tui da metade da igrexa de San Salvador de Teis.

Para cerrar este capítulo, do que os seus datos están tirados dos libros dos autores citados, concretarémo­las 15 igrexas coas súas respectivas advocacións:

­ Santo André de Comesaña, Santo Estevo de Beade, Santiago de Bembrive, San Pedro de Bembrive, Santa María de Castrelos, Santiago de Vigo, Santa Mariña e San Miguel de Cabral, San Tomé de Freixeiro, San Pedro de Sárdoma, San Salvador de Coruxo, Santiago do Penso, San Salvador de Teis, Santa Cristina de Lavadores.

ARTE E ESTILO ROMÁNICO

Se o traballo que afrontamos fai alusión a igrexas románicas, será preciso delimita­las características e a intencionalidade desta arte na que se van desenvolve­las igrexas ás que faremos mención. Non é o noso propósito nin desexamos excedernos neste cometido de descrición, debido a que non o consideramos preciso para a análise soamente de tres igrexas, aínda que apreciámo­la idoneidade do enunciado respecto do noso labor didáctico, aínda que o faremos sucintamente para concretar algúns datos e características tanto do estilo coma da arte románica nos seus enunciados arquitectónicos.

A arte románica nace en Europa despois dunha grande seca cultural e arquitectónica. Faino arredor do ano 1000 como unha linguaxe internacional que reborda fronteiras e afronta diferencias dependendo da interpretación dos seus constructores, pero sempre dentro dunhas coordenadas comúns que foron variando paulatinamente nos séculos XI, XII e XIII.

Carlomagno e os Otóns propiciaran anteriormente o rexurdimento da cultura clásica, unha "renovatio" que tivo grande repercusión en grande parte do mundo occidental, pero sen chegar a callar como unha cultura unitaria extensible a través dos séculos e fronteiras, impondo autoridade territorial máis que autoridade intelectual.

Vai ser precisamente nos comezos ou ó inicio do ano 1000 onde se vai fragua­lo unitarismo intelectual medieval, ou polo menos o seu intento, que despois percorrerá todo o continente. Esas novas formulacións artísticas que rebordaban a presencia dun único país e que tiñan similitude nos seus desenvolvementos chegaron a callar no primeiro estilo internacional que existiu despois da outra grande linguaxe común imposta por Roma e a súa romanización a toda Europa. A esa forma de entende­la cultura realizada a través de tódolos límites coñecidos da Europa medieval chamouselle "románico".

A fortuna de coller unha palabra e atribuírlle unha internacionalidade que reborde fronteiras, non indica rixidez férrea á hora de entende­lo fenómeno, pois inmediatamente xorden formas dialectais moi variadas dentro desa forma común, segundo a interpretación rexional, comarcal ou monacal, ou coa variación lóxica secular que haberá de concretar esta arte no devir lóxico da súa existencia en nomes subsidiarios como: primeira arte románica, románica plena ou segunda arte románica, e tardorrománica ou protogótica ou románica en descomposición ou románica de inercia. Todo iso ó longo dos séculos XI, XII e XIII, que non fai senón vincula­la arte á pura bioloxía humana e por conseguinte modificarse cos homes.

En calquera destas divisións imos atopar uns denominadores comúns, como son: época feudal na que están incrustados, época de intensos cambios litúrxicos con unificación de criterio desde Roma coa reforma gregoriana que fai desaparece­las liturxias locais, que no caso español se trataba da liturxia hispano­visigoda e mozárabe de longa tradición no ámbito ibérico; a instauración do monacato e cenobios pola xeografía de toda Europa como un caso de espiritualidade galopante e racionalizadora de roturación de terras que demandaba unha demografía en aumento. Todo iso nunha real "renovatio" que miraba ó mundo antigo como paradigma para imitar, aínda que comprendía á vez a irrepetibilidade do feito histórico adaptando formulacións antigas, tanto sociais como artísticas.

As novas solucións artísticas, de bases antigas, xa o dixemos, proliferarán nunha época rica e florecente que significaba camiñar cara ó ano 1000. A economía enriquecida polo amplo desenvolvemento agrícola e a formación de incipientes núcleos urbanos, han de determinar que as igrexas florezan por todas partes, ó principio con métodos sinxelos e baratos para complicarse segundo os tempos e os proxectos alcanzaban maiores proporcións, debido á bonanza da época que fixo que xurdisen artistas de extremada sensibilidade, con equipos e modelos que se ían repetindo e mellorando segundo as necesidades, as peticións de cabidos e particulares, que cada vez puxaban máis á alza nas construccións e decoracións das súas igrexas.

A "Primeira Arte Románica"

Os primeiros pasos da arte románica déronse entre os anos 950 e ata o ano 1075, aproximadamente. Ese período denominouse co nome de "Primeira Arte Románica", termo que xa hai moitos anos estableceu Puig e Cadalafach, e foi respectado pola historiografía posterior.

Foi unha arte que dende Lombardía (Italia) se estendeu por centro Europa, cara ó sur por Cataluña e Aragón. Eran construccións sinxelas e económicas de aparello pequeno e desigual, con cubertas de madeira (agás as ábsidas). Soportes e columnas tamén sinxelos (de haber tres naves), con reducción ou inexistencia dos elementos plásticos nos capiteis. A articulación exterior do muro da nave coma das ábsidas será en arcadas cegas e bandas verticais, denominadas estas últimas "bandas lombardas" como denominación de orixe do modelo creado nesa terra italiana. A actividade artística deste tipo de edificación queda circunscrita nunha nómina ampla a Cataluña, menor en Aragón, e a uns cantos edificios da xeografía peninsular; a penas un par en Castela e tres en Galicia: San Martiño de Mondoñedo, San Xoán de Vilanova de Perbes e Santo Antoniño de Toques; o que é un misterio é a chegada á nosa terra.

A "Segunda Arte Románica" ou "Románica Plena"

A segunda etapa na formación da arte románica que se citou ata o de agora como "Segunda Arte Románica" ou "Románica Plena", abrangue unha cronoloxía orientativa que vai dende o ano 1075 ata o 1150.

Se para a primeira arte románica falaramos dunha procedencia lombarda, agora hai que lle atribuír raíces francesas de distintos lugares de Francia a esta segunda etapa. Esta evolución ou variedade vai invadir pouco a pouco a xeografía que antes dominara a primeira arte románica superándoa amplamente, e instalándose ó lado do xa construído na etapa inicial lombarda, superpóndose ámbalas variantes dun mesmo estilo, como é o caso fundamental de Cataluña e Aragón en España. É precisamente entre esas dúas cronoloxías citadas cando se constrúe a grande obra da Catedral de Santiago de Compostela, con excepción do macizo occidental inacabado e obra do Mestre Mateo.

O florecemento de igrexas románicas en Galicia nesa época é escasa. Esaxerariamos se dixesemos que se constrúen daquela o 10% da nómina románica galega; pero o certo é que o pulo catedralicio de Santiago arrastrará só á formación de unicamente unhas ducias de edificios, que han ter claro selo compostelán debido á importancia do desenvolvemento tanto estructural coma decorativo amosado na basílica xacobea.

Aparecerá agora nesta edificación, como arquetipo definidor do muro, a pedra de cantería ben escuadrada e de maior tamaño, fronte ó perpiaño ou pedra miúda colocada irregularmente dos edificios da primeira época. Volumes maiores e con máis variación de plantas, cunha grande presencia de igrexas de planta basilical con tres ábsidas semicirculares na cabeceira.

Xurdirá tamén a plástica como grande herdanza do pasado. A escultura apoderarase de capiteis, portas e fachadas, formando parte da ensinanza evanxélica que se pretendía. A igrexa será un punto de referencia constante á Xerusalén Celeste, e con esta función de espírito renovado uns amplos interiores que inviten a remomorar este evento apocalíptico. Os muros veranse invadidos por ventás e contrafortes, que fan adiviñar unha nova atmosfera, distinta composición arquitectónica respecto da primeira arte románica. As bóvedas serán amplas, idóneas para o esparexemento do canto dos monxes que acoden ó coro para os seus rezos.

O momento histórico deste período coincide con grandes avances na Reconquista, se pensamos que ó principio da época, Afonso VI conquista Toledo no ano 1075, temos que considerar, por conseguinte, que as terras arrebatadas ós musulmáns superaban xa sobradamente o val do Doiro, asentándose fortemente na liña do Taxo. É precisamente nesa parte norte de España onde van florece­los edificios que atopan dende Francia unha vía de introducción fácil e piadosa a través do Camiño de Santiago.

Galicia gozará do privilexio de ter nas súas terras neses momentos un home clave para a súa historia: o arcebispo Xelmírez. Sen el é imposible entender esa época da nosa terra e a importancia que tivo para reafirma­lo carácter do país. Loitou contra reis e raíñas para mante­la importancia e o poder da sede compostelá, facendo que as miradas de Europa, á vez de se fixar en Roma e Xerusalén, o fixesen en igual grao de valor en Compostela. Con el floreceu a Catedral de Santiago e o románico da época, con grande número de fundacións persoais.

Terceira etapa do románico

O terceiro desenvolvemento da arte románica, que se estableceu cronoloxicamente entre 1150 e 1250, chamouselle diferentemente: tardorrománico, protogótico, románico de inercia ou románico en descomposición. Calquera dos catro nomes aventura a realidade dunha época que chega á súa fin nos comezos doutra. Con todo, estamos ante a presencia dunhas formulacións que se resisten a desaparecer e que enlazan coas propostas novas que proceden de Europa. É o momento do gótico que ten que nacer sobre as ruínas do románico, adaptando formas xa expresadas pero propondo novas fronteiras. Tamén Francia é determinante neste novo proceso, pois é alí onde se dan as primeiras formulacións de descomposición do establecido de acordo co novo, mantendo unha iniciativa constante que fará xurdi­lo gótico en diferentes e fecundas fases, como aconteceu no románico. A filtración destes novos datos cara a España sucederá moi lentamente, en clara mestura cos románicos existentes. A iso han de contribuír en grande medida as Ordes Monásticas, como as dos Cistercienses, que substitúen en influencia e presencia os monxes de Cluny na península ibérica.

As características do románico nesta etapa finalizadora van te­la constante aceptación do novo termo de preserva­lo antigo, o que traducido será unha mestura entre as románicas clásicas e as novidades góticas, que forxará algo distinto tanto a unha coma á outra arte. O arco apuntado instalarase asemade cá bóveda de canón apuntado, ó lado e no mesmo edificio moitas máis veces có agonizante arco de medio punto e a bóveda de canón, que co "canto do cisne" se resisten a desaparecer. As plantas non van ter moita variación en dimensións e planimetría respecto do anterior, se non se considera a variación de capelas absidiais nos seus diferentes tipos e a súa proliferación nos grandes edificios. Os esteos vanse complicar, se pensamos que agora as bóvedas de crucería deben apoia­los seus nervios nos esteos para lle transmitir á terra as presións do peso da bóveda. Consecuentemente, habilitaranse espacios novos nos esteos que os farán máis complicados. As vidreiras farán a súa aparición, favorecidas polo alixeiramento do muro ó descubri­la función mecánica de resistencia do arbotante, que permite muros máis altos e lixeiros.

A escultura, máis humanizada neste momento, vai invadir tódolos recantos do edificio. Todo isto que se está a producir en Francia con grande fulgor e arrebato constructivo, tarda en chegar á península, pero moito máis a Galicia, onde a paz acadada tralas desaveniencias de dona Urraca e o seu esposo aragonés Afonso o Batallador, fai que se constrúa a maior parte da nómina dos edificios románicos galegos. É agora cando esas fórmulas acoden á nosa terra realizando unha interpretación ruralizada dos modelos que tratan de imitar.

Debe, pois, considerarse esta época como a do románico galego, pola cantidade de monumentos que neste momento se constrúen que fan denominala como a do "boom" ou eclosión do noso románico.

Aínda que haxa que recoñece­lo ruralismo na maioría delas, podemos valorar unha media centena como obras de alto interese artístico.

As igrexas do municipio de Vigo entran todas, cronolóxica e estilisticamente, neste período do estilo románico e que polo seu interese desenvolveremos monograficamente máis adiante.




TIPOLOXÍA DE PLANTAS DO ROMÁNICO GALEGO

1. CON DEAMBULATORIO.

Respecto da tipoloxía de plantas do románico pódese concretar que na primeira categoría de igrexas, con deambulatorio, contabilízanse 5 edificios. Oscilan as súas capacidades volumétricas entre os 35 metros de longo de San Lourenzo de Carboeiro e os 97 da Catedral de Santiago. Verbo do largo, a oscilación é entre os 13 metros de Santa María do Cambre e os 20 metros da Catedral de Santiago. Con respecto á altura a oscilación esténdese entre os 10 metros de Cambre, que é igrexa retocada nas súas cubertas, ata os 22 metros da Catedral de Santiago.

A conclusión que se pode tirar indica a existencia de grandes diferencias volumétricas deste grupo en Galicia, que achega ó conxunto da nómina de igrexas galegas un 0,76%, contabilizado segundo o reconto nominal antes citado.

As características principais destes edificios con deambulatorio consisten en teren todos eles unha cabeceira de grandes dimensións, a causa dun corredor que rodea o altar maior. Pola parte exterior deste anel semicircular asoman un número variable de pequenas capelas ou absidiolas. Estas capelas poden estar soldadas entre si, como se pode ver en San Lourenzo de Carboeiro, ou poden ter unha xanela intermedia, como ofrecen Santa María do Cambre, Santa María de Oseira e Santa María de Melón, igualmente a Catedral de Santiago.

Todas elas ofrecen un ostensible cruceiro, que no caso de Carboeiro domina case todo o edificio engulindo os escasos tramos das naves. Poden asomar a este cruceiro capelas do mesmo tipo cás vistas no deambulatorio, como sucede claramente en Santiago, ou careceren delas como en Cambre e Carboeiro. A nave sempre consta dunha central máis grande, e dúas laterais de menor volume. As tres separadas por grandes esteos, onde se van apoia­los arcos faixóns da nave central e as laterais, así como os formeiros de separación das tres naves.

2. BASILICAL.

As igrexas basilicais son 27. Teñen unhas medidas comúns as de maior e mellor porte, que se asimilan ó canon xeral e perfecto deste tipo de igrexas, que son: en torno a 30 metros de longo interior, por 15 metros de largo interior e 15 metros de altura. Baixo estas medidas de canon xeral existen bastantes igrexas en Galicia; outras, froito de modificacións posteriores non se suxeitan á norma establecida: longo igual a dúas veces o seu largo.

Así é que se pode ver como unha igrexa basilical de maiores dimensións de Galicia é a de Santa María de Acibeiro con 33,50 metros de longo e unha planta xeral moi descomposta que non resiste unha modulación, polos erros manifestos de realización que son visibles a primeira vista. A igrexa de menores dimensións de longo é a de Monteagudo con 16 metros, pero claramente é por efecto de mutilacións posteriores ou plans non concretados. A igrexa de maior largo é a de San Bartolomé de Rebordáns con 16 metros, aínda que cómpre considera­los múltiples e inacabados cambios desta igrexa. A de menor volume correspóndese coa de San Pedro de Mezonzo con 14 metros de largo. A maior altura é a de Santa Mariña das Augas Santas con 15,50 metros, e a de menor a de Santa María de Mezonzo con 10 metros, aínda que se considera retocada.

Verbo dos esquemas xerais pódese deducir que tódalas basilicais tentan estar nas medidas propostas de 30 x 15 x 15; aínda que ás veces non o consigan, non están moi lonxe do patrón sinalado.

Debemos entender para estas igrexas e para tódalas demais, que aquelas que estean un 10% por riba ou por baixo do canon establecido para a súa categoría pódense considerar dentro da norma volumétrica adoptada, dado que esa pequena variación pódese deber a factores diferentes e alleos en moitos casos á intención primitiva. É útil facelo así para non lles fixa­los límites demasiado estrictos ás categorías establecidas, aínda que ás veces resulte imposible traballar dentro deses límites de tolerancia métrica nalgunhas clasificacións, como acontece nas igrexas con deambulatorio ou nas basilicais cistercienses.

As 27 igrexas basilicais galegas coñecidas achéganlle un 4,15% ó conxunto da nómina do románico galego.

As características destas igrexas están definidas polo nome da súa planta: basilical, en recordo das antigas basílicas paleocristiás. Manteñen 3 naves, maior a central e menores as laterais, separadas por arcos que recollen os apoios dos arcos faixóns e formeiros. Ó exterior, as presións interiores vense compensadas por grandes contrafortes que levan a terra os esforzos depositados nos muros de carga, que proveñen tanto da esvelteza do muro e a súa dinámica propia á deformación, coma o peso acumulado sobre eles das bóvedas superiores. Estas tres naves desembocan en 3 capelas absidiais, sempre maior a central e cun largo determinado polos das naves.

A maior presencia volumétrica e decorativa da ábside central, tanto exterior coma interiormente, é nota destacada neste tipo de edificios. As cabeceiras galegas basilicais contribúen ó románico xeral con algunhas características que son moi difíciles de ver no románico estatal, como é o tipo de ábsida que conforman algunhas. O máis común e o grupo máis numeroso é aquel que ten tódalas capelas de cabeceira en forma semicircular, pero tamén hai excepcións e rarezas, como os de San Bartolomé de Rebordáns, que ten semicircular o central e rectangulares os laterais, froito se cadra de remodelacións posteriores que a ninguén estraña o inacabado e modificado do edificio en xeral. Hai tamén un grupo moi reducido de tres igrexas: Santiago de Mens, Santa María do Sar, e Santa María de Acibeiro, que manteñen a ábsida central de forma poligonal e os laterais semicirculares. Hai despois unha cabeceira singular de naves basilicais abortadas en San Fiz de Cangas que mantén a ábsida central poligonal e os laterais rectangulares.

Todo iso débese anotar como excepcional na consideración das cabeceiras basilicais, e a súa influencia poligonal haberá que a buscar no cruceiro da Catedral de Santiago, nas antigas capelas de Santo André e Santa Fe, no deambulatorio da basílica compostelá.

3. CRUZ LATINA.

As igrexas con planta de cruz latina posúen a formación que a palabra indica: en forma de cruz, con ábsida central sobresaída e capelas nos brazos do pao transversal da cruz, a excepción de Angoares que non as ten, e cun testeiro rectangular e non semicircular coma no resto do grupo. Son estas igrexas unicamente 4 en Galicia. As que están en pé son: San Miguel de Breamo, Santiago de Vilar de Donas, Santa Cristina de Ribas de Sil e a ruína de Santa María de Alveos. As medidas de todas elas oscilan entre os 15 metros de longo de San Miguel de Breamo e os 26 de Santa Cristina de Ribas de Sil. O largo da nave están entre os 4 metros de Breamo e os 8 de Vilar de Donas.

A súa contribución á planimetría xeral do románico galego é a máis escasa de tódolos tipos, representan só un 0,61% do cómputo xeral.

As características destas igrexas fundaméntanse na súa propia denominación, como xa dixemos. Todas teñen planta de cruz latina. Todas posúen un cruceiro moi visible e saínte, que encaixa na súa parte oeste unha soa nave moi curta e moi estreita. A cabeceira agrupa, en 4 delas, capelas absidiais con maior presencia a central cás laterais, pero todas de forma semicircular. A ábsida central correspóndese co oco da nave, mentres que as dúas laterais se asoman ó cruceiro nos seus respectivos laterais, do pao trasversal da cruz. Só unha delas non mantén capelas absidiais, como xa dixemos, a de San Pedro de Angoares, nunha relación volumétrica e cronolóxica máis en relación con outra igrexa fóra do ámbito galego, Santa Marta de Tera, coa que mantén grande similitude en planta, non na decoración xeral, se ben é superior modelo a zamorana. Chama a atención que tódalas igrexas manteñan dúas portas no cruceiro, xa sexa na vertente oeste coma na norte e sur.

Para rematar, destacar a disparidade de modelo constructivo e decorativo que supoñen entre elas, as de San Miguel de Breamo e Santiago de Vilar de Donas. Aínda que se puidesen considera­la antítese unha da outra, ambas pertencentes ó mesmo grupo de cruz latina.

4.5.6. UNHA ÚNICA NAVE.

O grupo que realmente nos interesa é o das igrexas dunha única nave, porque é o máis numeroso no románico galego e é nel onde están integradas as igrexas de Vigo, con independencia de que a clasificación final de San Salvador de Coruxo sexa basilical ou de cruz latina.

As coordenadas principais deste grupo son, dunha banda, o elevado número de igrexas existentes, que en calquera cómputo supera o 90% das fábricas da rexión e, doutra, a diferenciación do modelo segundo a interpretación da cabeceira, que pode ser poligonal, semicircular ou rectangular. A perda de moitas cabeceiras e a conservación da totalidade da nave ou só en parte, dificulta grandemente o establecemento da nómina precisa das igrexas deste tipo. Sen embargo establecéronse cantidades e estatísticas, que non sempre responden á realidade. Os datos onden pode haber equívoco ó concreta­la nómina destes edificios refírense ás igrexas de cabeceira semicircular e rectangular, pois as poligonais forman un grupo moi pequeno (11 igrexas) e ben definido, só caracterizado polas variacións na articulación interior da ábsida, que nalgúns deles ten forma semicircular.

Verbo das medidas volumétricas, as de cabeceira poligonal poden ser perfectamente asimilables ás outras dúas categorías (de ábsida semicircular e rectangular) do grupo de igrexas dunha única nave. As medidas entre as que oscilan case todas elas, facendo a excepción de respectar unha variación do 10% nas súas medidas maiores e menores, son de 15 a 20 metros de longo, por 6 a 8 metros de largo, e unha altura semellante ó seu largo.

A relación porcentual das igrexas dunha única nave respecto do resto dos edificios románicos galegos e entre eles mesmos, lévanos a penetrar no dificultoso e sempre relativo mundo da estatística, aquí dificultade engadida a que traballamos cun patrimonio non totalmente clasificado e con grandísimas dificultades para establecermos relacións cerradas, polo que o descoñecemento de como eran as cabeceiras do grupo máis numeroso (o dunha única nave) non parece que ninguén estea en disposición de afirmalo con rotundidade unha vez desaparecida a mesma en épocas non excesivamente pretéritas. Con todo, non hai máis remedio que aborda­la cuestión, porque de se non facer así quedaría incompleta a nosa exposición, aínda que a que realicemos sempre terá o carácter de conxectural e modificable, malia a achegar variables seguras.

Unha das primeiras noticias cuánticas sobre as igrexas dunha única nave achegouna Angel del Castillo "...o número de igrexas de ábsida rectangular iguala ó de igrexas de ábsida semicircular...".

Naturalmente, o afastamento desta afirmación e o voluntarismo do arqueólogo coruñés non foron datos abondos como para establecer unha estatística fiable, nin unha catalogación axeitada da nómina real dos edificios desas características. Máis tarde, o profesor Bango Torviso na súa tese de doutoramento de 1976 sobre o románico na provincia de Pontevedra que se publicou en 1979, realiza unha estatística sobre 309 igrexas dunha única nave, das que tiña a cifra porcentual de 205 rectangulares (66%) e 104 semicirculares (34%). Esta estatística resulta claramente parcial respecto do conxunto do románico galego, xa que non suma ás 309 igrexas dunha única nave (rectangulares e semicirculares), as outras 47 das categorías restantes. De se facer así, daríanos unha cifra de igrexas computables de 356 edificios, dos que 205 serían de cabeceira rectangular (agora o 55%) e 104 de cabeceira semicircular (agora o 28%), axustando de mellor modo a estatística xeral no factor porcentual, á parte de omitir na súa primeira relación as 11 de cabeceira poligonal, con presencia neste grupo de igrexas dunha única nave, e que de se achega­lo seu tanto por cento ó valor xeral, non só do románico galego total, senón das dunha única nave, alteraría (moi levemente) as porcentaxes xerais das igrexas de cabeceira semicircular e rectangular.

De calquera xeito, aínda que a estatística nova se achega máis á realidade co engadido das 47 igrexas antes esquecidas por Bango, segue e seguirá a estar incompleta a estatística debido a que as mutilacións posteriores das cabeceiras galegas seguen a nos deixar un grande baleiro cuántico, ó non poder coñecer con exactitude a formación dos seus respectivos testeiros e en que grupo encadrar todas esas igrexas que, malia a conserva­la súa única nave románica, non nos é posible coñece­la formación do seu presbiterio na concepción románica primitiva.

Sexa como for, o que parece evidente é que coas dúas últimas estatísticas achegadas existe predominio absoluto de cabeceiras rectangulares fronte ás semicirculares. Nunha publicación de 1988 admite o profesor Bango a existencia de "...máis de 500 igrexas románicas...", o que fai ampliar dunha forma efectiva as posibilidades porcentuais das igrexas dunha única nave, pois a nómina das con deambulatorio, basilicais e cruz latina queda definitivamente estática. Outros autores admiten un número aínda maior de igrexas románicas en Galicia, entre 800 e 1.000, mais sen unha cuantificación precisa da cantidade. Daquela, de elixirmos unha vía intermedia entre as 309 achegadas ó principio por Bango e as 800 doutros autores, decidímonos nós por unha cantidade intermedia de 650 para a nosa estatística, ás que habería que resta­las 47 dos outros grupos analizados; o que en conxunto nos daría un número de 603 igrexas dunha única nave no territorio galego. Se lle aplicámo­lo tanto por cento plausible no cómputo das anteriores 357 co desconto das 47 e de considerarmos que o crecemento do número non faría variar ostensiblemente as características da formación do seu testeiro, teriamos unha cifra hipotética de 400 igrexas con cabeceira rectangular (61,53%) e 203 con cabeceira semicircular (31,23%), tendo en conta que co maior aumento das igrexas dunha única nave tamén medrarían as diferencias entre elas, se se considera que as diferencias das que non é posible a súa contabilización aumentaría a prol das de cabeceira rectangular.

Cómpre facer constar aquí a frialdade e variabilidade dos números en xeral, e dos aquí achegados en particular, pois aínda que sexa certo que as cifras por nós aducidas non están cuantificadas numericamente, non fan alterar excesivamente os tantos por cento achegados, todos eles baseados na primeira cuantificación real feita por Bango no ano 1979 coas súas 309 igrexas, que como xa dixemos era unha estatística parcial, mais verdadeira no que se refire ó estado da cuestión, que obrigaba a definir este grupo dunha única nave como o de maior presencia en Galicia (sempre superior en conxunto ó 90% na estatística), e a fixación no fiel da balanza de que nos citados tantos por cento os edificios de cabeceira rectangular superan en calquera caso en 2 veces ós seus homólogos de cabeceira semicircular.

Cando nós facémo­la achega estatística porcentual e numérica no cadro de clasificación da tipoloxía de plantas do románico galego, colocamos con interrogación tanto o número de igrexas coma o seu tanto por cento das igrexas dunha única nave con ábsida semicircular e rectangular, debido á articulación e desenvolvemento do problema tal e como o formulamos nas liñas anteriores, facendo considerar deste xeito o seu carácter conxectural e de achega libre, pero cuns tantos por cento que coinciden fundamentalmente con estatísticas máis reais, como a de Bango no ano 1979.

As características formais destas igrexas fundaméntanse na sinxeleza da súa única nave que oscila, en xeral, entre 15 e 20 metros de longo, por 6 ou 8 de largo, e igual altura. Se tivesemos que concretar unha concepción da súa tipoloxía, diriamos que ofrecen "un grande ruralismo", pero que son as que poboan as vilas e aldeas de Galicia. A súa decoración está acorde co termo rural avanzado, e non podemos esperar delas grandes achegas á arquitectura nin á escultura; senón máis ben o concepto dominante de seren receptoras de influencias fundamentalmente compostelás. Son igrexas pequenas, en concepto de parroquiais e de propiedade individual, xa sexa señorial, real, veciñal ou monacal. Todas elas están fundamentadas noutros templos, repetindo, ó seu entender, os modelos e prototipos que copian, mais procurando o canon e a proporción que nelas se viron. Algunhas o logran, pero outras quedan moi afastadas da súa intención, sen perder por iso o interese de modelo atrofiado a representar.

A característica e variación principal que nós atopamos reside na articulación da cabeceira. Non poderiamos cerrar este capítulo de atribucións rurais senón salvasemos grandes edificios dunha única nave, que polo seu tamaño e excelencias tanto decorativas como estructurais farían que tamén as incluisemos nos infortunios do grupo. Estou a me referir a igrexas de grande porte románico como as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, ou de San Pelaxio de Diomondi, ou a de San Xoán de Portomarín ou Santa María de Pesquieiras, e moi pouco máis. Pero estamos falando dun grupo selecto entre as 600 igrexas do seu estilo, que ademais forman unha especie de familia relacionada con clara e xa estudiada proxenie compostelá que de ningún modo lle fan representa­lo modelo rural antes aludido. Elas destácanse do grupo, pero o grupo existe e é numeroso entre as condicións para elas apuntadas.

Propostas porcentuais sobre igrexas dunha única nave

a) Proposta de Angel del Castillo

rectangular ­ 50%

semicircular ­ 50%

b) Proposta I. G. Bango Torviso.

rectangular ­ 205 igrexas ­ 66%

309 igrexas

semicircular ­ 104 igrexas ­ 34%

c) Corrección do autor a Bango.

rectangular ­ 205 ­ 55%

309+47 = 356 igrexas

semicircular ­ 104 ­ 28%

d) Proposta do autor.

rectangular ­ 400 ­ 61%

650­47 = 603 igrexas

semicircular ­ 203 ­ 31%

MONOGRAFIAS. VIGO

­ Santiago de Bembrive.

­ Santa María de Castrelos.

­ San Salvador de Coruxo.

SANTIAGO DE BEMBRIVE

Localización xeográfica

A igrexa de Santiago de Bembrive é parroquial do barrio periférico do mesmo nome. Para chegar á dita igrexa cómpre abordar un punto de partida que nos vaia servir mesmo para realiza­las visitas das outras dúas igrexas. Escollémo­lo máis cómodo, próximo e emblemático: a Praza de España. Un dos puntos máis altos da cidade, onde comeza a división de vertente norte ou cidade vella, e vertente sur ou zona de moderna expansión.

Desde a Praza de España comezarémo­lo traxecto pola autovía do Porriño, que no seu primeiro tramo ten a denominación de Avda. de Madrid, ata chegarmos ó final do tramo en descenso cun percorrido de 2 quilómetros. A partir de aí ascenderemos lixeiramente pola citada autovía para deixar a 500 metros o Seminario e a desviación a Moledo e Sárdoma á dereita. Despois seguiremos uns 800 metros ata alcanzar un paso elevado de vehículos, e inmediatamente baixo el unha desviación apartaranos da autovía para levarnos en lixeiro ascenso de 1 quilómetro ata unha pequena praza, que co nome tan significativo de "Praza do Mosteiro" ofrecerá a posibilidade de seguir cara a diante ou virar a esquerda e dereita. Viraremos pola rúa da dereita, con nome de "rúa da igrexa" e a 100 metros encontraremos de fronte o edificio. Percorremos en total 4,5 quilómetros desde a Praza de España. A volta farase buscando a saída por riba do paso elevado antes mencionado, ata por camiños secundarios e ben sinalizados encontrar de novo o Seminario que nos devolva á Praza de España, que loce como identificación un fato de cabalos rampantes.

Relación histórica.

A igrexa está encadrada no lugar de Mosteiro, que relaciona dun modo directo a toponimia co propósito da existencia dun antigo mosteiro, á parte de relacionarse tamén con outro topónimo significativo próximo, Freires, existente na dita parroquia.

Das tres igrexas estudiadas é probablemente a de Bembrive a que máis citas cronolóxicas ten, xa sexan epigráficas ou documentais; o que certifica a súa existencia dunha forma repetitiva a través dos tempos. Pouco nos van servir eses datos na fixación cronolóxica do monumento, pero axudarán de forma significativa.

A historia da igrexa foi estudiada desde antigo por Avila y La Cueva, E. Flórez que achegan datos moi importantes sobre o estado da cuestión. Dos autores modernos quen con máis vehemencia delimitou campos de actuación foi Hipolito de Sáa que reiteradamente se ocupou do tema, Bango Torviso fíxoo eficazmente no seu encadramento dentro da historia da arte do románico galego. A todos estes autores remito ó lector para un maior afondamento tanto dos temas históricos como arquitectónicos, que por brevidade escolar non é conveniente agrandar.

Pero de calquera xeito non podemos deixar pasa­las datas en que estas igrexas ou a súa comarca se citan. Farémolo de forma sucinta, como o fixemos na aproximación documental ás igrexas do Val do Fragoso. As citas son como segue:

­ 1 DE SETEMBRO 915.

O rei Ortoño II e a súa esposa dona Elvira fan doazón de Benevivere, en terra de Turonio, á igrexa de Lugo.

­ 29 DE OUTUBRO 1024.

Afonso V dóalle á igrexa de Compostela unha igrexa do bispado de Tui que tiña por nome San Pedro de Benevivere. Avila y La Cueva a identifica como o templo de Santiago de Bembrive.

­ 1 DE DECEMBRO 1156.

Primeira cita da igrexa de Santiago de Bembrive, en terra do Fragoso. Afonso VII, o Emperador, concédelle ó bispo de Tui o reguengo de Benevivere.

­ 28 DE MARZO 1169.

Afonso I de Portugal concédelles ó bispo Xoán de Tui e ós seus sucesores o reguengo de Benevivere coa igrexa de Santiago.

­ 12 DE AGOSTO 1179.

Fernando II de León confirma a doazón anterior.

Epigrafía

A epigrafía do monumento é un dos seus aspectos máis importantes e que ofrece máis diversidade de opinións e controversias. Os nomes dos historiadores que se atreveron con este capítulo epigráfico van desde Angel del Castillo a Hipólito de Sáa, pasando por Álvarez Blázquez e Bango Torviso, por citar só os máis modernos e que entraron en polémica epigráfica entre eles.

A máis importante de tódalas inscricións está no muro norte do presbiterio, ó lado da credencia que a acompaña desde a súa colocación no muro ou que a mutila en época posterior. Di así, en dúas liñas:

ARIAS: E: M: CCXXIII ... OBIIT RODERICUS F ...

A lectura corresponderíase con: Arias, era milésima ducentésima vigesimatercia, morreu Rodrigo ¿fecit?. Sinala Hipólito de Sáa que a súa lectura debe interpretarse como que a igrexa a comezara Arias no ano 1185 e que a rematou Rodrigo por morte do mestre anterior. Suxire Álvarez Blázquez que en ningún caso aparece o termo FECIT (fíxoo e rematouno) para esta atribución, aínda que o meu coñecemento directo da inscrición sinala un claro F e un T (en forma de tau) ó final da mesma. Segue argumentando Álvarez Blázquez que se fose Arias o seu iniciador probablemente debería luci­lo clásico INCIPIT (comezou) dado a ambigüidade de situar dous nomes xunto a unha data e sen concretar máis nada. Desde o meu punto de vista pode estar máis razoada a opinión do "fecit" final cá do "incipit" inicial que rara vez se observa, aínda que a evidencia do F e tau final é incontrastable. En calquera caso parece unha inscrición incompleta que se podería ter perdido nunha remodelación do edificio, dato que eu achegaba ó considerar que nesa remodelación do edificio se instalase a actual credencia que mutilara parte da inscrición deixándoa incompleta. De calquera xeito os datos achegan nome e cronoloxía importantes. Bango Torviso resolve o tema atribuíndo a dita inscrición a un epígrafe funerario, non fundacional e sen poder concreta­lo "obiit". O que resulta evidente é que a igrexa nesa data xa estaba en pé, pois recibe a dita inscrición, independentemente de que sexa construcción ou reconstrucción.

No muro norte da nave, nunha única liña hai un epígrafe coa seguinte lenda:

E: M: CC: LXI MARTINUS ABAS

A lectura corresponderíase con: Era ducentésima sexagésima Martín Abad. A súa traducción sería: ano de 1223, MARTIN ABAD. Bango só vería a formación numérica, ou polo menos así o reflicte. Inscrición que lle vale a Hipólito de Sáa para interpretar como data de consagración baixo o abade Martín xa totalmente terminada polo mestre Rodrigo na procura de facer vale­la súa teoría sobre a primeira inscrición. Nada pode confirmar ningún dos feitos, pero tampouco negalos, aínda que adverti­la demasiada lixeireza con que se interpretaron nos últimos anos as inscricións e a súa conseguinte revisión nos últimos tempos. Pode mostrarse como exemplo o sucedido na Catedral de Santiago, onde case tódalas inscricións están en revisión verbo das personaxes que tradicionalmente se as atribuiron.

Outra inscrición sobre o lintel interior da sancristía é lida por Hipólito de Sáa como COMENDoR..., nome dado polos sanxoanistas ós superiores e, por conseguinte, a pertenza da igrexa á Orde de Malta e duración descoñecida.

Planta

A planta actual é dunha única nave con ábsida poligonal. As medidas interiores son de 20 metros de longo por 6,50 de largo; o que a fai estar encadrada perfectamente na tipoloxía de plantas do románico galego nas igrexas dunha única nave, cunhas medidas xerais que estableciamos están entre os 15 e 20 metros de longo por 6 a 8 de largo.

A excepcionalidade preséntase na concepción da ábsida debido á súa forma poligonal, das que en Galicia só hai 11, constituíndo este grupo unha escasa nómina do 1,69% no románico galego. As igrexas en cuestión son 7 na provincia de Pontevedra: Santa Eulalia de Losón, San Tomé de Piñeiro, San Xurxo de Codeseda, Santiago de Bembrive, Santa María de Tebra, San Pedro de Ancorados, Casteláns; 4 na provincia de Lugo: San Estevo de Reiríz, San Pedro de Reimóndez, Santa María de Goo, San Pedro Félix do Hospital do Incio.

A orixe de tan estraña formación hai que buscala na influencia que exerceu o estilo da absidiola do deambulatorio da Catedral de Santiago que nela se repite a dereita e esquerda nas capelas de Santo André (hoxe desaparecida pola presencia da capela do Pilar) e a de Santa Fe (na actualidade coa denominación de San Bartolomé). Influencia poligonal que ha de estender á ábsida central dalgunhas igrexas basilicais, como: Santa María do Sar, Santiago de Mens e Santa María de Acibeiro. Cómpre sinala­la xenialidade do artista compostelán ó instalar esa forma poligonal en cronoloxía tan avanzada, que despois aparecerá como norma común ó longo dos séculos precedentes na arte gótica, galega, española e internacional.

Esta ábsida poligonal, por fóra e por dentro, está dividida na súa forma pentagonal exterior por 4 columnas entregas e un contraforte, que delimita o tramo recto de unión á nave que se fai sen cóbado. No interior podemos aprecia­la súa división en bóveda de canón apuntado no tramo recto, delimitado polo arco triunfal ou de entrada ó presbiterio e o faixón, que se apoian en columnas entregas. A forma pentagonal actual cóbrese con bóveda de forno ou dun cuarto de esfera. Pasaremos a describi­los problemas desta formación interior pentagonal­semicircular no apartado dedicado ó interior.

A nave está dividida en tres tramos desiguais, separados por columnas entregas que habían de recibir unha bóveda de canón apuntado semellante á da ábsida e que se substituíu hoxe por unha moderna. O feito de tal desigualdade nos tramos aventura modificacións non sometidas a canon, tan exacto e preciso para os constructores románicos, que despois terá correlación noutras partes do edificio.

Os contrafortes e estribos finalizadores están sobredimensionados, algúns colocados non estructuralmente, como o que está ó lado da porta sur, que non se corresponde co responsión interior ó que deixa sen protección. Que unha igrexa tan pequena posúa contrafortes tan grandes e desiguais só pode ser froito de necesidades posteriores e non da primitiva construcción.

As portas son 3, e é a sur unha mutilación moderna, conserva no interior do mesmo muro a que debeu se­la porta primitiva dese paramento.

Unha análise superficial da planta ofrece suficientes datos como para considerar que estamos ante unha estructura moi retocada e modificada, aínda que nun intento claro de preservar maneiras da igrexa que debeu chegar a ser ruína, e que se apreciará moito mellor nos paramentos do edificio. É polo tanto prudente acepta­lo seu estilo románico na súa fase protogótica porque os seus elementos o son, mais coa prudencia sinalada de saber moi modificada a súa estructura.

Ábsida

De forma poligonal únese á nave por un tramo recto sen cóbado. De aparello pseudoisódomo levántase sobre 3 banquetas moi enterradas no lado norte, onde só é visible unha e dúas cara ó oeste, aínda que asoma a terceira na súa parte sur. As banquetas manteñen aresta morta e son de maiores dimensións as inferiores. Esta estructura é común a tódalas edificacións románicas, que co paso do tempo e co elevamento dos niveis do seu contorno deixou achatadas as ábsidas, que con elas eran moi esveltas, como se poderá comprobar na visita á igrexa de

Castrelos, onde o fenómeno de achatamento é máis evidente do que en Bembrive.

O exterior está moi compartimentado, en 7 tramos divididos os poligonais por columnas entregas e os lados rectos por contrafortes prismáticos. Nalgunhas pezas das columnas (tambores) apréciase non aliñación coas pedras dos panos do lado (non filas continuas), que nos pode estar levando a un punto de referencia de retoque do pano, dato de inestabilidade que se notará en todo o edificio. As basas das columnas levántanse sobre grosos estípites que sobresaen en grande maneira sobre as banquetas, así como no contraforte. As basas son áticas, de plinto moi baixo e decorado nalgunhas delas cun trenzado de cestería. Algúns mostran bolas nas esquinas, moi desgastadas polo efecto do tempo. Os capiteis, de esquerda a dereita, son como seguen: dunha orde de follas terminada en espiral, follas lisas con pomas moi deterioradas, personaxe central sentado con vestido longo e mans xuntas sobre o peito con dous leóns laterais, groso cordón entrecruzado que domina toda a cesta do capitel e que se pode encontrar abundamentemente no románico rural galego (Portas, Gargantáns, etc.) como desenvolvemento vulgarizado do que loce ó exterior a capela de Santa Fe da Catedral de Santiago. Todos estes modelos de capiteis responden a esquemas perfectamente establecidos no románico rural, como indicamos, moi repetidos en todo o ámbito galego tendo sempre como correspondencia maior e mellor en deseños da Catedral de Santiago.

O beiril está formado por 3 molduras cóncavas escalonadas. Os sofitos e as tabicas están sen decorar, salvo nos 3 tramos máis ó sur, onde na súa parte recta se decora o sofito e a tabica con flores hexafolias con botón central ordenadas en círculos, decoración moi estendida en toda a xeografía pontevedresa (Gargantáns, Rebón, Moaña, Parada, Castrelos). Nos dous tramos contiguos o debuxo é o mesmo, pero só nas tabicas e non nos sofitos. O común do dato da súa aparición en moitas igrexas da provincia non ofrecen a súa situación en sofitos e tabicas coma en Bembrive, situación que aparece por primeira vez en Galicia na fachada de Platerías da Catedral de Santiago, que despois ha de pasar de forma sorprendente ó beiril de Santa María de Acibeiro na súa ábsida central, ata alcanzar grandes cotas de perfección con outro tipo de debuxos en edificios tan singulares como a Catedral de Ourense ou San Xoán de Portomarín, por cita­los máis vistosos e para non estendernos.

Os canzorros enumerámolos tamén de norte a sur. O máis meridional é unha folla picuda, home sentado de crequenas con algo nas mans, cabeza de bóvido, canzorro de dous lóbulos terminais, folla en espiral, cinco baquetas en ringleira e outro superposto, cinco filas de rolos, personaxe danzante invertido onde se aprecian as súas extremidades e a roupa recollida na cintura, cabeza de leónido, folla picuda rizada, violinista coas pernas cruzadas e viola no brazo esquerdo máis arco na dereita, frautista de crequenas con frauta de pico na boca, folla picuda con bola no envés, canzorro de proa, canzorro de dous lóbulos terminais, folla con remate en espiral, león rampante, folla con remate espiral, félido coas patas na boca, personaxe bebendo dun bocoi, canzorro de tres rizos. Toda esta terminoloxía decorativa aparece perfectamente encadrable no románico rural, debedor do compostelán e que permanecerá moito tempo nas igrexas. Temas característicos son os bóvidos e félidos, que tamén aparecen nas mochetas das portas, a alegoría da embriaguez nun home bebendo dun bocoi representadas tamén en Tomiño, Moaña, Tebra, Barrantes; a imaxe desta habería que buscala no Pórtico da Gloria onde no arco do inferno condénase a un personaxe a beber dun odre boca abaixo como forma de condenación, e que nestes edificios habería que encontrar como solución máis simplista avisando do mal da bebida en exceso ó porta­la figura un bocoi. A interpretación da escena xograresca é clásica en tódolos beirís e portas medievais ó longo e ó largo de toda a xeografía española e galega, como sucede en Tabeirós, Fiestras, Moaña, Ouzande, Angoares, etc. Chama a atención en Bembrive o afastamento do danzante respecto do violinista e do frautista, nun conxunto que de forma iconográfica tende a representarse nunha unidade visual por conceptual. Quizais haxa que atribuílos unha vez máis ó retoque, montaxe e desmontaxe deste beiril, como suxerimos para outras partes do edificio.

Fachada sur

Está delimitada por dous grandes estribos que expresan a lonxitude da nave. En medio existen outros dous grandes contrafortes que na súa parte final chegan en lixeira diagonal ata o beiril do tellado. O beiril desapareceu na súa versión orixinal de canzorros, substituíuse na actualidade por unha moderna moldura de nacela. O aparello pseudoisódomo non amosa grandes fracturas nas filas e parece do mesmo tipo e dimensionado cá ábsida. A través do muro están distribuídas decoracións hexafolias que deberon pertencer ás tabicas do propio beiril, na mesma situación cós restos existentes na ábsida. Tamén hai un capitel en altura superior que debeu pertencer a unha porta ou ventá. Hai unha figura humana nun perpiaño, da que descoñecémo­la súa posible colocación. A porta é moderna e rectangular. Na súa parte dereita mantén a mutilación dun lintel pentagonal de bo tamaño, cunha parte superior que estaría ocupada por unha figura de cánido encadeado a unha cinta que rodea as súas patas e pescozo, que morde. Este tipo de lintel ten semellante representación na igrexa de San Martín de Moaña, en bo estado de conservación estructural e decorativo.

Todo o descrito non fai senón confirmar que este muro está reposto na súa totalidade, reaproveitando e mutilando pezas anteriores do mesmo que chegou á súa ruína, reutilizando desordenadamente elementos decorativos que claramente tiñan outra función na edificación arruinada. As causas de tanta ruína e anomalía escápansenos, pero evidéncianse ante o descrito. A seriedade do volume dos contrafortes aseguran por outra parte a intención de que non se volvese a producir unha nova ruína, aínda que fábrica tan pequena non necesite tales contrarrestos, como demostra a igrexa de Castrelos, sen ningún contraforte.

Fachada norte.

Evidencia as mesmas características cá anunciada para a fachada sur. As coordenadas de estribos e contrafortes sobredimensionados repítense con igual exactitude ca na fachada meridional. A dispersión de elementos reutilizados é menor, pero existente, de modo que as hexafolias volven a aparecer tamén neste muro. Novidade con respecto ó muro sur é a existencia de seteiras rectangularizadas e abucinadas, que encaixan no tipo de iluminación destas pequenas igrexas que mantiñan ese par de pequenas ventás xeralmente en ámbolos muros, pero en Bembrive só aparecen no lado norte, quizais como recordo do previamente existente.

Mantén este lenzo unha porta orixinal de arco apuntado con adorno de xadrez de 7 filas con orla de dentes de serra, e arquivolta de dúas baquetiñas máis unha media cana e lixeiro bocel finalizador. O capitel esquerdo, que mantén unha imposta de nacela, mostra o cordón groso enredado en toda a cesta que viramos na ábsida, que se repetirá na porta principal. Ten o capitel ábaco de dous cavetos escalonados. O capitel da fronte está formado por follas picudas con fenda central que retorcen as súas puntas en forma de caulículos. No resto semella estructura decorativa ó capitel que está na fronte.

O máis importante desta porta é o seu tímpano, de cuadrifolio semicircular secante, cuns ocos que fan rematar en formacións triangulares que algúns interpretaron como aspas de cruces, incluso como cruces de Malta. Dentro e fóra do cuadrifolio existen círculos, hélices e espirais de petroglifos que fan desta peza un exemplar único na súa especie, herdeiro de toda unha tradición castrexa de decoracións que segundo Bango tería xa antecedentes e pasos intermedios nas lousas funerarias hispanorromanas, pasando despois á arte visigoda, encontrándoo máis tarde no mozárabe e asturiano ata o paso definitivo ó románico. A ninguén, pois, vai sorprenderlle que na fachada principal de Castrelos apareza a esvástica do Miño, se ó lado existía un castro recentemente descuberto e recentemente destruído.

Por conseguinte, é este tímpano un resumo de tendencias castrexas decorativas cristianizadas por esa presumible cruz e a súa presencia nunha igrexa cristiá. Polo interesante do motivo quixemos face­la nosa achega á análise do fenómeno do cuadrifolio, a través da súa comparación en igrexas románicas de ámbito fundamentalmente pontevedrés.

O cuadrifolio

Aínda que é certo que este motivo de cuadrifolio non se atopou nin se contabilizou como motivo rupestre nin castrexo propiamente, non o é menos que as orixes do mesmo proceden do mesmo tipo de concepción circular e semicircular doutros moitos que si se contabilizaron na nómina de inscricións desa época. A ninguén se lle escapa o traballo de Castelao sobre estes motivos e a súa inclinación a facer depende­las cruces cumiais dos motivos circulares e semicirculares encontrados por el mesmo nos castros.

É a partir deses debuxos que eu dei un paso, sobre todo tomando como exemplo os motivos circulares que reproduce o mesmo Castelao en canto á formación de círculos que en agrupacións de 4 unidades fan toca­los seus extremos, algúns deles mesmo con outro círculo interior que fai de secante para os outros catro. A partir de aí, e trazado a cordel, é moi doado pensar que se puidesen establecer novos deseños de círculos secantes que prefiguraran no interior do conxunto formas cuadrifoliares cos medios círculos que á vez tiveran a facultade de te­lo centro do debuxo libre, tanxente ou secante, segundo se presentase a proximidade dos círculos exteriores na súa tanxencialidade. É pois nese campo onde me movía para analizar ese motivo ó longo de toda Galicia nas igrexas románicas, traballando fundamentalmente en beirís, tímpanos, tabicas e doelas dos arcos, mentres que Castelao o fixo case exclusivamente nas cruces cumiais.

O motivo cuadrifoliar é, pois, un de tantos motivos da arte rupestre galaica que, moi evolucionado e superando a caducidade da arte do seu momento, se sitúa a moitos séculos de distancia con grande profusión no románico galego, o que indica a non desaparición das formas autóctonas de decoración e o seu encadeamento nas distintas artes das épocas, ata a súa instalación na arte románica, como xa advertiu Bango Torviso.

O motivo é a consecuencia e desenvolvemento de circunferencias e semicircunferencias. Motivo de ampla execución e dominio na arte rupestre, como indica Castelao no seu libro As cruces de pedra na Galiza. A partir das semicircunferencias que se forman prodúcese no interior do debuxo unha folla cuadrifoliar de centro libre, tanxente ou secante, como amosa o desenvolvemento por nós indicado no debuxo comparativo.

O lugar de situación fundamental desta figura foi o das cruces cumiais, tabicas, tímpanos e doelas de arcos. O motivo das catro follas simples combinarase con outros elementos, fundamentalmente cunhas formas circulares internas ás que se ha de engadir posteriormente unha cruz grega de brazos iguais no seu período de cristanización. Algúns autores chegarán a falar de Cruz de Santo André, debido á diagonalidade das follas interpretadas como aspas de cruz. O feito de que apareza o motivo mesturado na súa parte interna con un ou dous círculos levou a Castelao a denominalo como "roda crucífera" para toda a figura. Como desenvolvemento final do debuxo, numerosas cruces penetran a última hora no deseño, iguálase e complétase ó achado nas cruces cumiais e no resto das partes do edificio mencionado.

A cristanización definitiva do motivo aparece de man dun animal na súa base cando se refire ás cruces cumiais. Trátase dun año que sostén o peso de todo o elemento decorativo e que o recibe en posición de víctima axeonllada. Algunhas veces, moi poucas, a cruz que sostén o animal non mantén ese debuxo nin é de pedra, como acontece na Cruz dos Farrapos da Catedral de Santiago, así como nalgunhas outras o año místico receptor da cruz pasa a ser un animal totémico ou familiar, como sucede en Monfero e Betanzos, onde a figura é un berraco, ou en Santa María de Castrelos onde son 2 dragóns, ou en Santa María de Sacos onde son 2 animais unidos polas ancas. Pero son casos excepcionais de considerármo­la nómina de saíntes de igrexas románicas galegas que teñen un año como sustentador da cruz inscrita nun cuadrifolio semicircular de centro libre, tanxente ou secante.

O debuxo de Bembrive non é evidentemente unha cruz cumial, senón unha inscrición en perpiaño, nun tímpano. Se fixemos unha sucinta descrición dalgunhas cruces cumiais, é porque é aí onde o debuxo obtén o seu máximo desenvolvemento e dimensión decorativa máis evolucionada, incluso por motivos de cristianización do anagrama rupestre. Tamén aparece así noutras partes do edificio románico, ás veces con menos forza decorativa e volvendo ás súas máis puras raíces de cuadrifolio semicircular. Vai ser nas tabicas, entre canzorros, onde se vai poder atopar nas súas formas máis puras debido á limitación do espacio, que nin permite grandes formas decorativas nin tampouco ten como motivo cristianiza­lo edificio.

Outro lugar preferente da situación do deseño é nos tímpanos das portas, especialmente da porta principal. A importancia da porta é fundamental, moito máis a principal, porque é aí, como sinala Castelao, onde o artista vai facer gala de todo o seu enxeño e bo facer. A cristianización das portas é motivo obrigado, xa que é o limiar dun lugar santo e, polo tanto, a cruz aparecerá no debuxo con tanta frecuencia como nas cruces dos saíntes dos edificios. Como exemplos característicos poden apuntarse os de San Salvador de Escuadro, San Pedro de Ancorados, onde hai multiplicidade do debuxo con distintos caracteres, ou Santa María de Cela, onde só están os elementos simples e combinados, ou, finalmente, a obra mestra da nosa igrexa de Santiago de Bembrive onde se conxuga o debuxo con outros elementos castrexos de hélices e petroglifos. Algunhas veces aparecen como decoración en tímpanos dalgunha ventá, como en San Xurxo de Codeseda, pero non con tanta prodigalidade coma nos lugares que citamos.

Non é o noso obxectivo esgota­lo tema, nin tampouco facer un estudio a través de toda a xeografía galega, polo que nos circunscribimos á provincia de Pontevedra, tratando de encadra­lo debuxo achado en Santiago de Bembrive dentro da dinámica decorativa na que se move o anagrama descrito.

Non hai posibilidade de establecer cronoloxías para as distintas variantes, porque o motivo aparece no románico galego cunha forza que revela un substrato autóctono de grande potencia e desenvolvemento ulterior. Se fose necesario establecer algunha cronoloxía habería que acudir á formulación xeral da Cruz dos Farrapos da Catedral de Santiago ou á Corticela, como presumibles elementos desta grande tradición galaica, mais sen a seguridade de facer e só como modelo indicativo, debido ás diferencias que ámbolos modelos presentan.

O anagrama, aínda que complicado en numerosas formas, ten denominadores comúns, como é a persistencia do círculo cortante interior ou exterior, forma que aparece tanto nas formas simples coma nas complicadas coa cruz. Cómpre salientar que o debuxo non acaba os seus días no románico, senón que se integra perfectamente nos edificios protogóticos galegos e nos propiamente góticos, como o proba a súa existencia na igrexa de Santa María de Azogue en Betanzos ou na catedral de Tui na cúpula do transepto.

Fachada principal.

Volve mostrar este paramento os mesmos síntomas cós muros laterais. Pódese observar de novo a aparición de perpiaños decorados con hexafolias, que claramente falan de reutilización de obra anterior; polo que en consonancia co referido anteriormente podemos falar de muro retocado.

O muro ten unha porta de arco apuntado con chambrá de axedrezado de 6 filas. A primeira arquivolta amosa a súa cara cunha continuada ringleira de pequenas flores hexafolias inscritas en círculos e baquetón finalizador. A arquivolta interna ofrece un talo sinuoso con follas e baquetón final. As partes internas destes arcos (os intradorsos) resólvense con bolas e medias canas con bocel intermedio. O tímpano actual é postizo e nada ten que ver coas antigüidades do edificio; non debeu carecer del a porta de considerármo­la importancia dos achádegos nas laterais.

Os capiteis da esquerda son, o máis exterior de cordón groso enredado semellante á porta norte e ábsida, o interior é de leóns afrontados con patas enleadas por talos que suxiren similar determinación iconográfica cós leóns dos canzorros, de clara raizame compostelá. Ábacos decorados con formacións tetrafoliares. A columna interna é monolítica e recuberta, nas mesmas condicións hereditarias tanto das cubertas das fachadas de Platerías como de Acibecherías, así como das do Pórtico da Gloria que tanto éxito habían de ter en toda Galicia, con exemplos claros en Moaña, A Mezquita, Acibeiro, Romai, Arcade etc. A outra columna é lisa e monolítica. Ambas carecen de basa, froito de mutilacións posteriores.

Os capiteis da dereita amosan o interno dous cuadrúpedos afrontados esquinalmente en situación semellante ó seu opoñente. O outro capitel é de folla picuda con grande ventá central e bola no envés. Os ábacos son de trenzado o interior e de axedrezado o exterior, lixeiramente impostados no muro.

Loce a fachada un óculo que non parece da época. Non son moitas as igrexas que lucían esta iluminación (Arcade, Romai, Frades, Sobrán), e deixan esas decoracións circulares para igrexas de maior factura e paramento onde instalarse, como podían se­las igrexas basilicais ou as dunha única nave con grande porte románico, como as de San Estevo de Ribas de Miño ou San Xoán de Portomarín. O común para estas pequenas igrexas sería lucir unha ventá, de seteira ou de tipo completo, no mesmo tipo e concepción cá próxima igrexa de Castrelos.

A espadana é obra moderna que nada ten que ver coas nosas análises románicas.

Interior.

A nave está cuberta cunha bóveda moderna. A ábsida, moi cedida e empenada, ábrese á nave cun grande arco triunfal apuntado e dobrado cunha protuberante chambrá de follas laceoladas, máis unha media cana cuberta de rosetas e groso bocel. A mesma decoración de rosetas e bocel no intradorso do arco. A dobrez do arco é de forte complexión prismática. Ambalas formacións remátanse nunha imposta de chafrán recto e tres nacelas escalonadas. Os capiteis do arco triunfal son vexetais con formas de bastón que rematan en caúlicos esquinais abeirando outros de menor tamaño. As columnas son entregas conservando os seus tambores (7) a regularidade das filas do paramento do tramo recto. As basas áticas con gadoupas esquinais e plintos decorados con rombos e bolas enfiadas. Os capiteis do arco faixón manteñen similitude de deseño co triunfal, se ben varía a concepción terminal no da dereita que cambia a forma caulicular por unha bola colgante. As basas e tambores manteñen a mesma proporción. Entrámbolos arcos o tramo recto da ábsida con aparello pseudoisódomo de grande regularidade, bo tamaño e escuadro. Na parte superior unha ringleira de grosos billetes (algúns modernos) separa o tramo vertical da bóveda apuntada, que conserva de cantería a primeira fila, e é o resto de cantería menor mal disposta, o que evidencia a non orixinalidade do actual que debería estar en consonancia de cantería, común a ese tipo de formación.

O tramo poligonal aínda conserva no seu sitio a formación recta do inicio do polígono pentagonal en ámbolos lados, con aliñación perfecta de ringleiras coas columnas e o tramo recto, polo que habemos de o considerar como orixinal da formación, que tamén así resolve a forma exterior, desbotando vellas teorías de semicircularidade en comparación co de Tebra. A partir de aí o retablo impide ver se segue a formación de perpiaños ou se se resolve con cantería menor, semellante á bóveda dun cuarto de esfera que o cobre. De calquera modo, como fórmula indicativa da súa forma poligonal, podía aducirse que así é o rebordo que sustenta o retablo, aínda que ben puidera ser unha consideración moderna. De calquera xeito os tramos iniciais rectos fan presumir que os outros tamén o fosen. De xeito que se pode concluír que a formación interna era tamén poligonal no seu interior e non semicircular como ata o de agora se mantivo.

A media altura do tramo recto e descentrada cara ó leste aparece unha credencia de reducidas dimensións con arco de medio punto e conservando aínda os ocos dos guiceiros da porta que debeu ter. É dato común en Galicia a existencia destas formacións para gardar obxecto do oficio litúrxico, e que se estenden desde igrexas de grandes dimensións como a de Santa Mariña das Augas Santas, ata a pequena igrexa de Bembrive. A colocación da credencia puido ser posterior á instalación do muro, como xa sinalamos, porque mutila parte da inscrición que está ó seu carón e que se considerou sempre incompleta, o que provocou ata o de agora a polémica de adxudicación desa data e eses nomes que loce. De aceptármo­la coetaneidade da inscrición e a credencia, habería que admiti­lo F final e o pequeno tau como símbolo prefigurativo de "fecit".

A nave mantén grandes irregularidades que se acomodan ás vistas nos muros exteriores. No muro norte seguen aparecendo flores de botón central en ringleiras. Este muro está dividido en tres tramos desiguais por dúas columnas entregas que non manteñen en absoluto regularidade os seus tambores coas ringleiras do paramento, que á vez amosa graves distorsións de horizontalidade no tramo entre columnas.

No primeiro tramo mantén unha porta de arco apuntado engastada no muro, que se corresponde coa exterior e cun tímpano que volve mostrar motivos castrexos similares ós vistos no tímpano exterior, hélices, sogueados e unha cruz patada. Os capiteis e as basas das columnas da nave resólvense no mesmo modo cós descritos na ábsida.

O muro sur mantén mellor consonancia arquitectónica có seu opoñente, ó situar ringleiras de cantería de mellor factura e aliñados perfectamente cos tambores das columnas entregas ou responsións. Existe no primeiro tramo unha porta moderna alintelada que se corresponde coa exterior, pero interiormente ó lado desta existe o oco da primitiva, de arco apuntado, que está cegada ó exterior. A súa presencia en arco apuntado presenta para nós a dificultade de como podía instalarse sobre ela un lintel pentagonal, existente no exterior, e que debería estar sobre o seu arco se considerámo­la formación de Moaña.

O muro sur ten un tremendo arqueamento na súa columna máis oriental. É precisamente ese responsión o que no seu exterior non mantén correspondencia con ningún contraforte ó estar desaliñado o que lle correspondería, polo que se podería considerar un erro o feito de realizalo así, e quizais causa deste esaxerado arqueamento, ó non suxeitar por tracción o movemento do muro cara ó interior, facendo a suxeición nunha zona onde a fatiga do paramento é menor e ofrece menos puntos de fractura. Son as tensións mecánicas do edificio de difícil compresión se se entende que muros tan grosos e de tan pouca altura non deberan necesitar estes contrarrestos exteriores, de non ser que unha bóveda moi pesada e mal calculada pesase excesivamente sobre os muros de carga como para necesitar tales contrafortes. Mais se consideramos que tódolos paramentos ofrecen caracteres modificados, poderiamos pensar que se levantaron despois dunha ruína total, segundo demostra a grande existencia de elementos hexafolios que deberan ser coronación de beirís. De calquera xeito parece que o edificio ó ser levantado de novo debeu presenta­los mesmos síntomas de inestabilidade que o arruinou, e considera­los seus reconstructores daquela, a necesidade deses grosos contrafortes prismáticos que deixasen a obra na clara inestabilidade que ofrece. Este é o xuízo que nos merece tanta modificación e desaxuste en paramentos.

No actual coro alto hai unha serie de pezas engastadas no muro norte de indubidable interese. Dúas ofrecen un sogueado vertical de forte desenvolvemento, que algúns autores consideraron de obra anterior. Ben puidera ser certa esta opinión se pensamos que a primeira cita que coñecemos do edificio é do ano 915, mais non compartímo­la opinión de resto visigodo pola afastada cronoloxía desa arte con respecto á cifra citada e, por outra parte, podería estar perfectemente integrada na decoración románica do edificio se consideramos que sogueado xa aparece na Catedral de Santiago nas cornixas do deambulatorio en abundancia e profusión. Como tampouco hai razón para crer que a roda solar de 11 brazos que se acha ó lado deba remitirse a esta arte nin a outro edificio anterior, porque a mesma representación aparece en edificios románicos como Santa María de Oseira e San Pedro de Dozón. Moito menos pode retrotaerse a outra arte ou igrexa anterior a metade dun cuadrifolio semicircular de centro libre con posible ocupación de forma crucífera dos ocos, pois segundo quixemos demostrar, é motivo de pura raizame galaica que herdeiro da tradición castrexa aparece abondosa nas igrexas románicas de Galicia.

Cronoloxía.

A cronoloxía do edificio podería estar situada en torno ó terceiro tercio do século XII, polo menos nesa data tería que estar levantada ou reconstruída, por recolle­lo epígrafe de 1185, aínda que a data de 1223 podería referir obras no templo das que descoñecémo­lo seu alcance pero que de seguro existiron. De feito, a profusión de flores hexapétalas achegaríanos á data de Castrelos, onde o uso é abusivo, sempre que considerémo­la data dada para a igrexa como a da súa erección, consagración ou fundación. En calquera circunstancia, non parece polo seu arco triunfal apuntado, capiteis de desenvolvemento floral típico, ser obra anterior a 1170, malia a que a ábsida se fixe anterior a esta cronoloxía.

SANTA MARÍA DE CASTRELOS

Localización xeográfica

Logo de nos volver á Praza de España dende Bembrive, abordarémo­la Gran Vía cara a abaixo, dirección ás praias. Un descenso continuado de 2.300 metros lévanos case ata o remate da avenida. Sen chegarmos a el colleremos a man esquerda pola rúa que rodea o Instituto de Bacharelato con fachada á Gran Vía e á rúa do Carme, que así se chama a que debemos seguir. Logo de percorrermos uns 300 metros viramos á dereita e collemos outra rúa, a de Cesáreo González.

Despois de andarmos por esta outros 300 metros chegamos á súa desembocadura na Avda. de Castrelos. Tomamos esta avenida á esquerda.

Baixamos por ela deixando tamén á esquerda o parque do mesmo nome, e comezamos a subir ata o cemiterio municipal que deixaremos á dereita, logo de que percorresemos 1.100 metros dende o cruce. Dende a porta do cemiterio debemos andar uns 300 metros para collérmo­la primeira bifurcación cara á esquerda e ascender deica a igrexa, logo de salvarmos unha bifurcación á esquerda, que nos situará diante da igrexa, despois de realizar 800 metros dende o último cruce na Avda. de Castrelos. En total percorremos, dende a Praza de España, 4.800 metros.

Relación histórica.

As referencias históricas da igrexa de Santa María de Castrelos son moito máis reducidas cás achegadas para Bembrive. Dun xeito conciso Fco. Avila y La Cueva cita que esta parroquia se denominaba "Castreliis" no século XIII, o que toponimicamente evidencia unha zona castrexa de ocupación, que se hai anos se presumía, non hai moito foi topada na aba dun monte próximo, sobre o que se instalou un grande bloque de edificios, destruíndo toda pegada arqueolóxica posible, pero que acaba coa incertidume da súa localización.

As primeiras referencias documentais van máis aló da posible data da súa construcción. É en 1305 cando María Eanes Gibarra deixa unha manda á obra de Santa María de Castrelos. En 1499 Ramona Gómez doa un bocoi de viño á igrexa.

A igrexa pertenceu á Encomenda de Beade, da Orde Militar de San Xoán de Malta. Hipólito de Sáa, quen estudiou con detemento a historia do monumento, fai referencia á existencia dun hospital, conforme ó documento que achega, sen localización posible nin cálculo de tempo.

Epigrafía

No apartado epigráfico contamos cunha inscrición en catro liñas tras un retábulo á dereita do arco triunfal. A dificultade da súa lectura só fixo posible cita­lo seguinte:

A A A ... ERA M: CC: L ... A ... IIII ¿? QT ID...

A lectura viría a ser: Era Milenisima Ducentisima Quinquagesima Quarta... Quotum Idus. O que nos viría a dar como lectura cronolóxica o ano 1216. Os que estudiaron esta inscricicón considérana como a data da consagración, aínda que ninguén se refira á posibilidade de fundación ou levantamento dado que nada indica a este respecto.

Planta.

Igrexa dunha única nave con ábsida semicircular en cabeceira, con treito recto e semicircular. As medidas interiores son de 20 metros de longo por 7 m de largo e semellante altura. Tanto en planta como en alzado a igrexa mostra unha grande limpeza de liñas, con muros exteriores que non se ven interrompidos por contrafrotes en ningún momento. A cabeceira só achega a existencia dun contraforte que divide o treito recto do semicircular, pero nin mesmo o tramo semicircular se ve compartimentado pola existencia de columnas que dividisen en panos, dato que por outra parte é común nas ábsidas semicirculares, mesmo dos máis ruralizados, e que ha de estrañar se temos en conta o deseño orixinal da igrexa e a súa avanzada cronoloxía.

A nave únese á ábsida co estreitamento dos muros da capela que se inicia co arco triunfal para unha vez dentro ensancharse de novo (non ata as liñas dos muros da nave, senón algo menos). En Bembrive tamén o interior da ábsida é menor có da nave pero non existía estreitamento previo no arco triunfal, senón que se entra a nivel dos seus muros laterais. O arco triunfal apuntado está sostido por pilastras.

A ábsida ten bóveda de canón apuntado cun arco faixón intermedio, iniciándose o treito semicircular por medio dun cóbado. O tramo semicircular posúe bóveda dun cuarto de esfera instalada nun espacio menor có treito recto a causa do cóbado intermedio, diferencia que tamén ha de se observar nas liñas exteriores co contraforte de fronteira entre os muros de diferente aliñación do treito recto e semicircular.

No muro semicircular ábrense tres óculos abucinados de vistosa ornamentación, que se corresponden cos exteriores e iluminan o presbiterio. Resalta, por excepción, a inexistencia de contraforte divisorio na ábsida, contrastando coa instalación doutro, ou no seu defecto columna decorativa entrega, que no exterior se correspondese co responsión interior do arco faixón, o que de non face­lo modelo máis sólido, si o faría máis vistoso, como sucede noutras moitas igrexas románicas galegas de menor porte.

Nos muros da nave están instaladas tres portas con dúas e tres arquivoltas cada unha, que ofrecen diagonalidade de entrada. Como sería de agardar destaca en volume e en decoración a porta oeste ou principal, con tres arquivoltas de profusa decoración.

Ábsida.

O treito semicircular érguese sobre banqueta de aresta morta, das que son visibles só a primeira e parte da segunda, resultando dese xeito moi achatado polo recrecemento do pavimento que pasa ó seu carón en forma de estrada. É de supor que baixo dela se achan os restos doutras banquetas.

Problemas de dinámica fan que esta ábsida estea dislocada da horizontalidade conveniente, como se pode apreciar nas ringleiras inferiores e sobre todo nas banquetas, ofrecendo así un exemplo de distorsión mecánica xa asentada e sen perigo ningún para o edificio que non merecerá retoques posteriores como en Bembrive. O aparello, como en todo o edificio, é isódomo de ringleiras regulares con perpiaños de bo tamaño e escuadro. Xa comentámo­la peculiaridade de non compartimenta­la ábsida en panos con contrafortes ou columnas entregas, coma no resto do románico non excesivamente ruralizado. Óptase aquí por un modelo de compartimentación figurado, ó instalar no que serían os panos compartimentados, un óculo no canto da ventá común e que de xeito instintivo está a recorda­la compartimentación que trata de eludir. Os tres óculos manteñen a mesma decoración: chambrá de moldura de filete con 5 ringleiras de billetes e unha rosca interior con arquiños peraltados de fina traza, ó interior forma tetralobulada con flores hexapétalas aliñadas (o do máis ó sur carece de flores).

O óculo

O motivo do óculo é de moi rara presencia no románico galego e no románico en xeral. A primeira aparición desta formulación aparece no deambulatorio da Catedral de Santiago, como na súa igrexa irmá de Saint Sernin de Toulouse. No camiño de Santiago topámolo nunha igrexa de clara proxenie francesa, Santa María a Real de Sangüesa. Non debe considerarse un modelo estendido pero si de grande influxo francés. A súa presencia na cabeceira compostelá así o demostra e proba para copias posteriores. A partir de aí xorde de xeito tímido nalgunhas igrexas galegas con máis ou menos intención decorativa, como é o caso de Santiago de Herbón no treito recto da ábsida semicircular, en Santo Estevo de Ribas de Miño (igrexa á que non se lle nega influxo compostelán) con maior decoración e máis volume tamén no treito recto da ábsida semicircular, ou en San Pedro da Mezquita de pequeno tamaño (nese mesmo treito da ábsida semicircular). Só aquí e en Gargantáns, topámolo no treito semicircular con grande aparello decorativo. Ámbolos dous son de tal igualdade que é moi difícil non lles atribuír parentesco. Se consideramos que o capitel de entrelazado da ábsida de Gargantáns é igual ós de Bembrive en cabeceira e portas, deberiamos facer comprender consecuentemente a estreita relación da igrexa de Gargantáns coas da bisbarra viguesa. No mesmo xeito de grande aparello decorativo, resolve o seu óculo no treito semicircular a igrexa de San Pedro de Dozón, aínda que ámbalas dúas igrexas mostran a diferencia con respecto a Castrelos o se encadraren en ábsidas perfectamente compartimentadas con separación en panos por columnas entregas. Nelas son complemento doutras decoracións mentres que en Castrelos é a súa única e básica decoración.

O tramo recto mantén as dúas banquetas visibles, que xa observamos no tramo semicircular, aparello de regularidade de ringleiras co mesmo treito e cornixa con beiril de canzorros de escasa decoración; nas mesmas condicións có beiril do treito semicircular onde case tódolos canzorros son dos denominados de proa, pola protuberancia central sobresaínte en forma de proa.

Coroa a ábsida unha fiestra de seteira, e sobre dela, no frontispicio unha figura dobre leonada portante de cruz de brazos iguais.

Fachada norte.

Non ofrece distorsións aparentes como para pensar que non estamos ante o que primitivamente se ergueu. O aparello regular isódomo mostra algunhas irregularidades nas ringleiras superiores cara á fachada principal. Desarranxos que non entendemos, pero que non alteran significativamente o paramento. Quizais deberan entenderse como desaxustes mecánicos semellantes ós da ábsida e corrixidos con lixeiros retoques, pero sen máis consecuencias debido á grande pendente que ofrece a igrexa desde a ábsida ata a fachada principal.

O muro érguese sobre tres banquetas de aresta morta, visibles na confluencia coa fachada oeste. O carácter descendente da igrexa e o recrecemento da pavimentación no lado leste fai que as banquetas laterais sexan visibles só moi ó final do treito.

Locen dúas seteiras que iluminan o interior de xeito peculiar, porque esta rixideza decorativa de seteira (común o número de dous en moitos muros galegos) non se reflicte no interior debido a que ó se producir en derrame interno cara a dentro, alí se resolve en ventá de tipo completo con rica decoración de arcos e capiteis, nas mesmas circunstancias ca en Tomiño.

Os beirís son de moldura de nacela con canzorros moi sinxelos de proa, bardantes algún floral e unha cabeza de bóvido.

O máis salientable do paramento é a porta. De arco apuntado con adorno de pedra de tres ringleiras de billetes e dúas arquivoltas que locen nas súas roscas flores hexapétalas aliñadas en círculos. A arquivolta exterior ten unha aresta morta onde instala pequenas flores de follas saíntes e botón central. A arquivolta interior remata a rosca do arco en sinxelo baquetón. O tímpano mantén unha cruz grega enfilada nun círculo que tamén remata en círculos con grupos de talos xuntos no centro decorada cunha flor semellante á arquivolta. Igual decoración existe nos ocos das aspas da cruz. No seu lado dereito unha floración vertical de dous elementos con follas pequenas laterais.

As arquivoltas e o tímpano asentan sobre distintas formacións. O tímpano faino sobre dúas mochetas de significación vexetal que se desenvolven despois en xambas verticais da porta que manifesta aresta morta con pequenas bolas no seu interior. Despois existe un cóbado encapitelado con decoración floral. A seguir, dúas columnas que deixan no medio outro cóbado, o da esquerda, rematado en bocel. Por riba dos capiteis existe unha imposta con moldura de listas, media cana e lixeiro toro que se prolonga como imposta no muro lateral. Os capiteis son case todos iguais. De formación floral, cunha única orde de follas que remata na parte superior con retorcemento da folla e poma no envés. Todos teñen colariño, fuste monolítico e basa ática moi desgastada.

Fachada sur.

A dinámica do aparello, beiril e canzorros é practicamente a mesma cá topada no muro norte.

Chama a atención a decoración desta fachada, cunha porta de maior dimensión e decoración cá norte, así como as dúas ventás de semellante traza e deseño á porta.

As ventás son de tipo completo con seteira interior. A da esquerda é de arco apuntado con chambrá de cinco fileiras de billetes. Adorna a rosca do arco con lazos sinuosos e baquetón final. O tímpano decorado cunha cruz grega en brazos lixeiramente potenzados. Entre as aspas da cruz pequenas formacións florais de final avultado entre arcos. Todo o arco descansa sobre unha imposta de moldura de filete, media cana e lixeiro toro. As partes laterais da seteira están decoradas con oito flores hexapétalas con botón central, enfiladas en círculos. Os capiteis vexetais, iguais ós vistos, con fuste monolítico e basa ática. A ventá da dereita mantén a mesma decoración cá da esquerda. Só varía que o tímpano instala dúas hexapétalas e nos lados da seteira 10 flores do mesmo motivo.

A porta é de arco apuntado con chambrá de moldura de listel e tres ringleiras de billetes. A continuación a rosca do arco alberga flores hexapétalas con botón central, a continuación aresta morta e bolas. A primeira arquivolta adorna o arco con moldura lisa, media cana e bocel. A segunda arquivolta é de grande amplitude e decoración de flores hexapétalas. As impostas do arco son iguais en todo ás referidas nas ventás e porta norte. Os capiteis entregos con follas picudas e caulículos nas partes superiores xa moi desgastados. O tímpano con cruz de brazos iguais e grupo de talos xuntos no centro, decoracións florais baixo arcos.

A disimetría de banquetas que observaramos no muro norte, aparece aquí nas mesmas circunstancias de sobreelevación ó principio do muro e desnivel cara ó remate do mesmo, na mesma inclinación de pendente que ten toda a igrexa e que se observa con máis claridade na sección aportada.

Ó longo do paramento esténdense cinco canzorros que puideran servir para un alpendre ou apoio como indican as súas seccións superiores desgastadas e axeitadas para soster un elemento horizontal. Dato que non é exclusivo desta fachada e que tamén se ofrecía no muro norte.

Os retoques nas fileiras volvémolos ver na parte final do muro, case á mesma altura ca no paramento norte; isto lévanos a pensar que existiron retoques que non comprendemos, que ben puideran ser reconsideracións xa na mesma obra primitiva.

Fachada principal.

Aparello similar ás outras fachadas. Importancia baseada na decoración da súa porta e a ventá sobre ela.

A porta é de arco apuntado cunha chambrá de moldura de filete e tres ringleiras de billetes. A primeira arquivolta adorna a rosca do arco con flores hexapétalas e aresta morta con flor de botón central semellante á porta norte. A traza das arquivoltas non está equilibrada, ó non se corresponder ritmicamente nos pontóns cos capiteis dun e doutro lado. A segunda arquivolta ten a súa rosca adornada con flores hexapétalas e remate en baquetón. A terceira arquivolta en aresta viva acolle flores hexapétalas. O tímpano semellante en todo ó da porta sur, pero con mellor conservación. Cruz grega potenzada e decoracións florais baixo arquiños. Aséntase sobre dúas mochetas en nacela e xambas de aresta morta que acollen pequenas bolas. Os cimacios dos capiteis son iguais en todo ós anteriores. Os capiteis son de unha soa orde de follas, semellantes ós atados, aínda que de mellor conservación. Cóbados con aresta en baquetón. Columnas de fuste monolítico e basa ática moi desgastada.

A ventá sitúase na parte superior. É de tipo completo. Chambrá de moldura de filete e tres ringleiras de billetes, que apoia nunha imposta desigual. A rosca do arco de flores hexapétalas e o intradorso con baquetiñas. Capiteis moi verticalizados, vexetais e con pequenas bolas esquinais. Fustes monolíticos e basas áticas. A seteira está acompañada lateralmente por dez flores hexapétalas, que tamén locen os perpiaños de canterías entregas dos capiteis. O tímpano mostra unha cruz semellante ás vistas, pero con diferencia nas súas partes terminais ó remataren estas en forma de frecha. A decoración floral é igual ca nos outros tímpanos.

Esta ventá sitúa o edificio no ámbito das cronoloxías tardías. Fundaméntase este feito na circunstancia de cohabita­lo arco de medio punto co arco apuntado. Feito que que xa se dera no presbiterio de San Lourenzo de Carboeiro, que reborda claramente cronoloxías da última parte do século XII, e repetirase en igrexas tamén de avanzada cronoloxía e porte románico, como son as de San Pedro de Dozón ou San Pedro da Mezquita. É todo un rito de desaparición das vellas formas que conservan algunhas igrexas de forma testemuñal, que con ideas progóticas deixan entreve­la melancolía do perdido, realizando tal mester nalgunha decoración solta e errática. Todo un símbolo de resistencia e compañerismo artístico que artesáns humildes comprenden e realizan no seu xeito de se adecuar ó novo con conservación do antigo, anque non fose de xeito testemuñal, porque a partir de aquí todo debe ser xa protogótico ou gótico.

A nota curiosa desta fachada, que non vin mencionada por autor ningún, é o achádego na parte esquerda da ventá e instalada nun perpiaño, o símbolo castrexo que Castelao denominaba "esvástica do Miño" e que consideraba propio da arte rupestre local. O feito de estar localizado nunha igrexa, que o seu topónimo fai alusión directa a un establecemento castrexo, e o achádego en anos recentes do propio castro, dálle importancia ó deseño do perpiaño por canto certifica o que xa adiantara liñas atrás verbo do trasvase de motivos castrexos ás igrexas románicas.

Se daquela se sinalaban pasos intermedios, en Castrelos non parece que fosen necesarios, ó te­la fonte de información, que non de inspiración, ó seu carón. Cabe pois a posibilidade de que o artista que labrase a tal altura o símbolo castrexo tivese información visual do castro, ou, cando menos, de pezas soltas que o levarían a reproducir na igrexa que se estaba a construír. De calquera xeito é innegable a condición de motivo castrexo desa esvástica, e éo tamén que o castro estaba tan preto que influíu sobre a representación do motivo labrado, amais de xustificarse a súa existencia polo topónimo da zona e da igrexa.

Coroa o edificio nesta fachada occidental unha espadana con dúas bufardas, que non pertencen ó edificio románico.

Interior.

Sostén a nave unha cuberta de madeira, que ó aprecia­la falta de contrarrestos debeu ser concibida sen bóveda na súa forma orixinal.

A ábsida ábrese á nave por medio dun arco triunfal apuntado, cunha chambrá decorada con hexafolias aliñadas. O arco triunfal decora igualmente a súa rosca con grandes flores hexapétalas rematando a súa formación nunha media cana. As pilastras que sosteñen o arco triunfal están encapiteladas con formas vexetais moi sinxelas. Un cimacio de moldura de filete, media cana, e baquetilla separa o arco das formas encapiteladas.

O treito recto ten no medio un arco faixón apuntado que remata as súas arestas en medias canas. Apoia en cimacio igual ó das pilastras, que se imposta ó longo de todo o treito recto e semicircular. Os capiteis son florais con follas moi verticais na súa parte superior con poma no envés. As columnas son entregas de sete tambores. Basas áticas con plintos decorados. Toda a ábsida posúe un banco corrido con aresta baquetoneada, dato común a moitas igrexas galegas. O máis salientable da decoración interior da ábsida son os tres óculos, que se resolven nas mesmas condicións decorativas ca no exterior.

O aparello isódomo consérvase perfectamente aliñado e ben escadrado, polo que hai que presumir retoques, aínda que debido á mecánica descendente do edificio sitúase nunha clara liña de perda de horizontalidade. No muro sur do treito recto existe unha credencia de arco apuntado.

O muro norte mantén unha porta de arco apuntado achanzada no paramento. O lintel interior do arco resólvese do mesmo modo decorativo có exterior. Na parte superior do muro existen dúas ventás de tipo completo. Teñen as dúas grande derrame interno que procede das seteiras exteriores. Os arcos son apuntados con chambrá de billetes de cinco ringleiras e rosca do arco con hexapétalas aliñadas a da esquerda, e arquiños de medio punto que abrazan bocel a da dereita. Capiteis rústicos florais, fustes monolíticos e basas áticas. As partes exteriores do derrame adornadas con hexapétalas. É anormal esta situación de seteira exterior e de tipo completo ó interior, tamén observada en Tomiño. A decoración de arquiños que abraza o bocel lévanos a influencias compostelás que en forma de ferradura (os arcos) adornan multitude de portas e ventás en Galicia.

O muro sur resólvese igual có norte, cunha porta de arco apuntado achairada e lintel igual ó exterior. Na parte superior aparecen dúas seteiras de grande derrame interno e arco apuntado en combinación atípica co exterior e os seus opoñentes do interior, como xa sinalamos. O aparello deste muro mantén unha relación de fileiras moi confusa. No pano medio despois da porta hai unha grande desorde que avanza retoques ou unha mala disposición dende o principio, pero que non presupón unha reconstrucción do pano.

O muro oeste mantén ó interior a ventá de tipo completo con arco de medio punto, chambrá de billetes, intradorso con dúas baquetiñas, rosca con hexafolias, longas impostas con tres baquetiñas, capiteis florais alongados, gran oco central e lados laterais con hexafolias, basas áticas. Todo nas mesmas condicións có visto no exterior para esta ventá, agás o lintel.

Cronoloxía.

Como resulta evidente da análise das súas formas e decoracións é un edificio tardío. Contamos para iso co aval do dato epigráfico do ano 1216, que xa sexa na súa forma de conspiración, fundación ou erección, favorece os nosos propósitos de situalo ó final do románico e en plena cronoloxía protogótica, que non lle fai perde­los detalles melancólicos do arco de medio punto en convivencia co apuntado. A abondosa decoración de hexafolias achega aínda máis o edificio a cronoloxías finiseculares ou de comezos do seguinte (s. XIII). Os óculos aparecen na mesma consideración cronolóxica cás hexafolias, en edificios de finais do XII ou principios do XIII, polo que coido que a data de 1216 está próxima ós nosos propósitos de cualificación cronolóxica, cando menos non podemos ir máis aló da mesma pola clara razón da súa presencia xa nesta data na igrexa.

SAN SALVADOR DE CORUXO

Localización xeográfica

Rematada a visita a Sta. María de Castrelos, volveremos polo camiño percorrido ata chegarmos de novo á Avda. de Castrelos,

deixámo­lo cemiterio municipal á esquerda, continuando ata o parque.

Ó comezo do mesmo collémo­lo primeiro desvío cara á esquerda por unha avenida que 600 metros despois ha de nos levar ata a porta da fábrica de Citroën que queda á esquerda e o estadio de futbol de Balaídos á dereita. Dende alí aínda habemos de percorrer 1.200 metros ata podermos alcanza­lo cruce da estrada comarcal C­550 que pola esquerda nos levará en dirección a Baiona. Despois de atravesar un corredor de industrias modernas e deixarmos sempre á dereita as indicacións que conducen ás praias, enfilamos unha lixeira pendente que nos levará ata a empresa de louza MOAHSA situada no alto, que deixamos á esquerda. Dende o cruce da estrada comarcal percorremos 2.000 metros. Quédanos entón unha pequena pendente de 1.000 metros ata chegarmos á igrexa de San Salvador de Coruxo, situada no cumio, que non hai que sobrepasar (só o semáforo actual), senón virar no mesmo cume á dereita para poder estaciona­lo coche fronte ó cemiterio. Realizamos dende Castrelos unha viaxe de 6.500 metros.

Relación histórica

Da fundación do mosteiro nada se sabe, o que non lles impide a algúns autores atribucións diversas, como a San Fructuoso ou afiliacións concretas, como a Cluny.

Verbo do seu coñecemento documental hai que cifra­las primeiras novas cronolóxicas nos anos 1072 e 1091, segundo A. del Castillo. O resto das datas documentais ofrécemolas correlativamente por anos:

­ 1142. Afonso VII cédelle o mosteiro ó de Celanova.

­ 9 DE DECEMBRO 1152. Afonso VII concédelle ó mosteiro de Celanova, xunto coa illa de Santo Estevo (do Faro ou norte, das illas Cíes) e o privilexio de couto, ó cenobio de San Salvador de Coruxo, que xa dependía do de Celanova.

­ 1185. Sucede a afiliación do mosteiro de Oia á orde do Císter. Algúns monxes descontentos con esa afiliación trasládanse ó mosteiro de Coruxo.

­ 26 DE XULLO 1228. Afonso IX, estando en Sarria, confirma a doazón feita por Afonso VII o 9 de decembro de 1152 de privilexio de couto e a doazón da illa de Santo Estevo.

­ 11 DE MARZO 1230. Nunha avinza entre o bispo e o capítulo de Tui e o mosteiro de Celanova para pór capeláns que administrasen os sacramentos no mosteiro de Coruxo, no que tiña que haber polo menos 25 frades.

­ 1232. Fernando III volve a confirmarlle ó mosteiro o privilexio de couto.

A riqueza acumulada polo mosteiro de Oia fixo entrar ó de Coruxo nunha crise, e este acabou uníndose en 1378 á mitra tudense, que llo permutou ó mosteiro de Celanova pola igrexa da Magdalena en Ribadavia.

Planta.

Do que foi o mosteiro antigo hoxe só témo­la certeza arquitectónica da súa cabeceira, e aínda que dos outros restos presentes poidamos colixi­lo tipo de planta xeral do edificio, imos dedicarnos primeiro á descrición do máis fiable pola súa presencia, que non cremos moi alterada.

Consta a estructura actual das tres ábsidas da igrexa, todas elas semicirculares e de maior volume a central. As tres inícianse cun arco triunfal apoiado en pilastras, iniciando a continuación o treito recto para estreitarse mediante un cóbado e darlle un paso ó tramo semicircular, que é menos largo. Estructura nada nova que xa viramos en Castrelos, tanto no interior coma no exterior. As ábsidas laterais teñen unha ventá axial de tipo completo (tanto exterior coma interior) con inclinación interna. A ábsida central mantén tres ventás encastradas (igual no exterior) no muro con grande inclinación interna.

Fachada leste. Ábsidas.

Das tres ábsidas sobresae moito a central, en volume e altura. De aparello isódomo con ringleiras ben reguladas elévase sobre tres banquetas visibles de aresta morta. O tramo recto da ábsida central coroa o beiril do tellado en canzorros de proa e de rolos. O mesmo tipo de decoración ca nos tramos semicirculares, onde se engaden algúns de tres baquetiñas e algún de planos superpostos. Todos moi deteriorados e de moi pouca significación decorativa. Ten tres ventás de medio punto encastradas no muro e con grande inclinación que terminan en seteira. Ten ademais no lado sur unha ventá rectagularizada que é mutilación posterior.

A ábsida da esquerda ou sur perdeu os canzorros do tramo recto, e as ringleiras do pano non coinciden coas filas do tramo semicircular. Mantén a relación de banquetas de toda a cabeceira. Os canzorros do treito semicircular son cinco, todos eles de proa. Tamén se ergue este tramo sobre tres banquetas visibles. Loce ventá de tipo completo con seteira central, chambrá de tres filas de billetes moi deteriorados, que apoian nunha imposta corrida procedente do cimacio do capitel. A rosca do arco decórase con dúas baquetiñas e un bocel. Capiteis con personaxes humanos, que se definiron tradicionalmente como Adán e Eva polo seu aparente nudismo; a súa identificación é complicada debido ó grande deterioramento que amosan. Columnas de fustes monolíticos e basas áticas.

A outra ábsida lateral ou norte mantén en todo a mesma proporción estructural e decorativa cá súa compañeira sur. Unicamente se aprecia a variación nos capiteis, que son vexetais, e a carencia de columnas e basas por desaparición posterior. O tramo recto conserva tres canzorros de proa e un de folla nervada con fenda central.

Chama profundamente a atención en toda a estructura da ábsida a non compartimentación da ábsida central, aínda que comprendemos que os laterais de cabeceira tripartita non adoitan estar nin compartimentados nin tan decorados coma o central, reservando os atributos de mellor decoración para a central, mesmo se reservan as ventás máis decoradas para a central e as de inferior decoración para as laterais. Aquí acontece xustamente o contrario ó reserva­las ventás con decoración, aínda que moi reducida, para as ábsidas laterais e as encastradas sen ningún atributo decorativo para a central, que ademais se ve privada da clásica compartimentación de tódalas súas conxéneres de cabeceira tripartita.

Descoñecémo-la intencionalidade desa formación, pero na análise da estructura, sáeno-la clasificación de profunda pobreza decorativa, quizais buscada, que achega a nosa igrexa a modelos moi ruralizados se contamos coa riqueza das outras 31 igrexas de cabeceira tripartita, onde mal que ben, a ábsida central sempre resulta realzada en volume e decoración con respecto ás laterais, sendo isto unha norma que puideramos aceptar como común.

Fachada norte.

A fachada norte propón un lenzo que se podería interpretar como cruceiro ou muro abortado da nave basilical. Sexa como for, os perpiaños do mesmo gardan relación de ringleiras e tamaño cos da cabeceira, mesmo o contraforte garda a relación das banquetas procedentes das ábsidas, así como o pano do muro con dúas delas claramente visibles. As ventás rectagularizadas da ábsida e deste pano evidencian a mutilación de ámbolos panos. O muro oeste deste treito de cruceiro posúe unha porta moderna, que no interior manterá os restos dunha antiga de medio punto con restos da súa dobradura embaixo.

O muro norte da nave mantén unha liña de banquetas na súa parte inferior, e un aparello de igual tamaño e escadramento có visto anteriormente. Só a partir de medio pano non coinciden as ringleiras coas do cruceiro, o que xustificaría un retoque.

Fachada sur.

O muro sur está dislocado pola presencia da moderna sancristía, alterando completamente os volumes e diferenciando claramente a súa posición de obra engadida pola presencia de perpiaños de distinto volume e escadramento. Coma o muro norte, aprécianse na parte baixa dúas banquetas desde o tramo recto da ábside lateral que se estenden polo esteo (moi retocado na parte superior) e o cruceiro, esténdense de forma mimética pero falsamente románica ó tramo posterior da sancristía. Ó longo de todo o cruceiro e dos muros da nave non se observa ningún canzorro que indicase a certeza do paramento como románico, senón que a súa privación nas fachadas norte e sur podería demostra­la súa non existencia por mutilación e desaparición posterior ou por obra que nunca existiu.

Fachada principal.

A fachada oeste non ofrece nada de tipo románico, como non sexa o tipo de aparello, que é igual ó visto en tódolos paramentos da igrexa. A formulación actual da porta, a ventá superior rectangularizada e a espadana con dúas bufardas e coroación son obra posterior.

Interior.

De igual xeito ca no exterior, as ábsidas son as pezas máis importantes e mellor conservadas.

A ábsida central ten arco triunfal apuntado, que se apoia en pilastras impostadas. O tramo recto iníciase cun cóbado, para se alongar a continuación ata o tramo semicircular, onde se estreita. No lado dereito mantén unha credencia de arco apuntado, nas mesmas condicións cás outras dúas igrexas analizadas. A bóveda do tramo recto é de canón apuntado, e a do tramo semicircular dun cuarto de esfera. No tramo semicircular ábrense tres ventás de grande inclinación encastradas no muro que terminan en seteira central. Tanto o tramo recto coma o semicircular están percorridos por unha imposta que separa o paramento vertical do inicio das bóvedas. O aparello isódomo amósase dunha grande solidez e regularidade de ringleiras, polo que hai que considerar toda a obra en pé como perfectamente primitiva. Cómpre facer notar, como irregularidade de mutilación, que o actual arco triunfal era na primitiva estructura a dobradura do arco de entrada, conforme acontece nas ábsidas laterais, porque aínda está presente o apoio do mesmo e a súa sección vertical, mais os constructores da bóveda gótica decidiron suprimilo ó molestar á instalación dos nervios cruceiros polo volume prismático do dito arco. Este desenvolvemento pódese observar perfectamente nos laterais, que conservan o arco de entrada superposto ó central, porque o apoio dos nervios cruceiros fíxose máis cara a adiante. Que a mutilación existiu pódese comprobar polo feito de que a imposta da pilastra está seccionada na proporción que lle correspondería ó arco de entrada en ámbolos lados.

As ábsidas laterais ábrense ó cruceiro con arco de medio punto e triunfal impostado que se apoia en pilastras. A mesma solución de cóbado, tramo recto e tramo semicircular máis estreito. Bóvedas de canón no tramo recto e dun cuarto de esfera no semicircular. Ambalas ábsidas teñen ventás axiais de arco encastrado con impostas saíntes, grande derrame exterior e capiteis vexetais moi rústicos. Columnas de fustes lisos e basas áticas.

O cruceiro mantén a bóveda de crucería de catro nervios, de actuación moi posterior.

A nave ten tamén bóveda moderna sobre arcos recentes. É interesante sinalar que o aparello interior do muro da nave garda correspondencia lexítima co resto da obra románica, tanto en tamaño, coma en composición isódoma, como escadramento, do mesmo xeito que sucedía no cruceiro; polo que se podería chegar a pensar que é obra primitiva. Á altura do comezo do paramento, polo seu lado leste, nótase unhas series de ringleiras descompostas nas partes baixas que sinalan retoque e variación nese tramo inicial, o que non ocorre nas partes altas que encaixan perfectamente no cruceiro. O muro sur ten unha grande ventá rectangularizada, que ó exterior (ocupado pola sancristía) conserva aínda un tramo evidente de seteira, polo que se podería considerar como un vestixio da antiga constitución ou reconstrucción.

Tipoloxía de planta.

Ata o de agora non houbo unha intención decidida de adxudicarlle un tipo de planta concreta a esta igrexa, debido quizais á dificultade da súa interpretación polos poucos restos que deciden o particular e que só son atribuíbles a unha cabeceira tripartita.

Existiron achegamentos, sen concretar, cara á súa pertenza tanto á igrexa de cruz latina coma a basilical, pero con argumentacións lonxe de concrecións.

Quizais a opinión máis avanzada e comprometida sexa a de Bango, ó afirmar que sería basilical porque tódalas igrexas de cruz latina non son máis ca exemplos non realizados de basilicais, asimilando a súa tipoloxía á de Santa María da Armenteira, que empeza o modelo na provincia cara ó ano 1169, sen achegar máis razóns. Aínda que a formulación xeral de Bango cúmprese en moitos edificios, creo que a xeneralización é excesiva, na medida en que nunhas igrexas sucedería o por el proposto e noutras non. O que parece indubidable é que a través do románico xeral as igrexas de cruz latina son un modelo asentado perfectamente na tipoloxía de plantas, e que ningúen en Galicia defende o modelo basilical atrofiado para as cinco existentes.

Eu farei a análise dos elementos actuais para derivar despois unha opinión.

Comezando porque nada impide pensar que o actual cruceiro puidese pertencer a unha igrexa de cruz latina, de comparármo­las súas medidas cos cruceiros das outras igrexas de cruz latina. As medidas do cruceiro de Coruxo son de 14 metros de longo por 5,50 de largo, en Breamo 12 x 4, en Donas 15 x 5, en Ribas de Sil 14 x 4, en Angoares 14 x 4,50. Todas elas manteñen medidas similares, dentro de proporcións xerais moi semellantes para todo o edificio. Pódesenos aducir que esas son medidas clásicas de largos basilicais e mesmo do primeiro tramo dese tipo de igrexa. O certo é que ninguén discutiu a clara formación de cruz lantina desas igrexas citadas, nin foron asimiladas a igrexas basilicais, sobre todo se considerámo­los longos xerais das igrexas que para nada se achegarían ó modelo de 30 metros propostos para as grandes basilicais galegas.

Nada podemos colixir das bóvedas do cruceiro porque son posteriores. Tampouco podemos tirar conclusións dos beirís dos tellados, que non existen na súa formación primitiva. Pero os perpiaños de tódolos paramentos do cruceiro, interior e exteriormente, correspóndense en todo cos da cabeceira, polo que habería que atribuír como obra verdadeira e de obra primitiva románica. Alongando máis o discurso eu diría que aínda están no seu sitio.

Hai un dato significativo no pano oeste do cruceiro. Baixo a actual porta moderna hai restos dun arco de medio punto que recolle no seu interior restos doutro, que ben puideran ser da súa dobrez ou o da súa correspondencia ó exterior. É notorio que catro das cinco igrexas galegas de cruz latina teñen entradas polo cruceiro -dúas case todas-, xa sexa polos panos iguais ós de Coruxo, como Angoares e Donas, ou polas fachadas norte e sur do cruceiro como Breamo. Non nos é posible establece­la correspondencia co outro brazo da cruz porque o pano foi retocado para face­la actual entrada á sancristía, correspondéndolle a súa porta coa que sería a do cruceiro por ese lado. Viría este dato a dar luz sobre a posible situación de portas no cruceiro da primitiva igrexa, e respectan a súa posición antiga só mutiladas polas actuais portas modernas, pero deixando a testemuña in situ dunha das antigas portas do cruceiro.

A seteira da sancristía no muro exterior que se rectangulariza de gran modo ó interior, sería un dato orientativo dunha posible iluminación primitiva, como acontece noutras moitas igrexas, e o feito de aínda se conservase no seu sitio avalaría a teoría de posible autenticidade da nave.

Xa falamos do perfecto estado do perpiaño interior e exterior da nave. A súa correspondencia de ringleiras, tamaño e escadramento co resto dos perpiaños románicos. Mesmo estendemos este concepto de homologación ós perpiaños da fachada polo seu parecido ó tamaño e realización xeral da obra.

As medidas interiores xerais da igrexa son de 22 metros de longo por 6 metros de largo da nave e 7 metros de altura. Correspóndense perfectamente con outra clara igrexa de cruz latina, a de Santiago de Vilar de Donas (22 x 7 x 6,80).

Segundo o exposto estariamos ante a nave orixinal, que non sabemos cando, nin onde nin por que viu retocado o seu perpiaño, ou quizais por cambio de plans económicos contemplou como a súa forma primitiva de plan se vía empobrecida ou inacabada. O que nós cremos é que os muros de cerramento son os primitivos -con independencia de que as cubertas superiores se levasen a cabo doutro modo-, e que a obra tipolóxica que hoxe contemplamos correspóndese cunha igrexa de planta de cruz latina, quizais de modelo rústico moi empobrecido, como lle correspondería a unha cabeceira que tampouco exhibía moitas lindezas nas súas ábsidas exteriores e interiores.

As razóns achegadas impídennos achegarnos a un modelo de tipo basilical, sen desdeñar ese tipo de igrexa como hipótese de traballo, que unha vez comparada coa realidade presente fixéronnos inclinarnos pola de cruz latina.

Cronoloxía.

Loce a igrexa unha inscrición no seu esteo esquerdo que di así:

ERA : M : CC : XIII, de traducción: Era Milesima Ducentesima Decimotercia = 1213, ou ano de 1175.

O feito de que de novo se combinen aquí os arcos apuntados cos de medio punto, que como xa observamos sucede en Galicia en torno a cronoloxías do último tercio do século XII, avala que esta inscrición teña validez cronolóxica para ser unha presumible data de consagración do realizado ata ese momento, que serían as ábsidas e que ciframos estilisticamente nesas épocas. Independentemente de que houbese obra posterior, como parece que confirman os documentos pola habitabilidade do mosteiro nesas épocas, a data de 1175 debe ser acollida como punto de partida quizais de consagración, someténdonos ás dúbidas de como se acabaría o resto da obra. O que non parece desaconsellable é aceptar esa data como nó principal da súa cronoloxía constructiva, sobre todo se aceptamos anteriormente outras máis dubidosas.

VIGO, Inverno de 1994.




BIBLIOGRAFÍA SELECTIVA

ÁLVAREZ BLAZQUEZ, J. M., La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo, Vigo, 1986.

BANGO TORVISO, J. G., Arquitectura Románica en Pontevedra, A Coruña, 1979.

BANGO TORVISO, J. G., El románico en España, Madrid, 1992.

CASTILLO, A. DEL., Inventario de la riqueza artística y documental de Galicia, A Coruña, 1972.

CHAMOSO LAMAS, M. E OUTROS, "Galicia", en La España Románica, Madrid, 1980.

ESPINOSA RODRIGUEZ, I., Tierra del Fragoso, Vigo, 1949.

KENNETH CONANT, J., Arquitectura Románica da Catedral de Santiago, Santiago, 1983.

OURSEL, R., La Arquitectura Románica. (Europa románica), Madrid, 1987.

PITA ANDRADE, J. M., "Notas sobre el románico popular de Galicia", CEG, nº 24, Santiago, 1969.

PORTELA SILVA, E., La colonización cisterciense en Galicia (1142­1250), Santiago, 1981.

PUIG Y CADALFACH, J., La geografie et les origines du premier art roman, Paris, 1935.

SA BRAVO, H. DE, Las rutas del románico en la provincia de Pontevedra, Pontevedra, 1978.

SA BRAVO, H. DE, El monacato en Galicia, A Coruña, 1972.

SANCHEZ CANTON, F. J., "La vida en Galicia en los tiempos del arte románico", CEG XVII, Santiago.

VALLE PEREZ, C., La Arquitectura Cisterciense en Galicia, A Coruña, 1982.

VARIOS AUTORES, La Catedral de Santiago, Santiago 1978.

Historia de Galicia, Madrid, 1982.

Vigo en su Historia, Vigo, 1980.

Arte Galega. Estado da cuestión, Santiago, 1990.

Historia del arte gallego, Madrid, 1982.

WHITEHILL, W. M., Spanish romanesque architecture of the eleventh century, Oxford 1940, (reprinted 1968).

YARZA LUACES, J., Arte y Arquitectura en España 500­1250, Madrid, 1979.

YZQUIERDO PERRIN, R., La Arquitectura Románica en Lugo, A Coruña, 1983.

VOCABULARIO TECNICO

ÁBACO.­ Peza que coroa o capitel.

ÁBSIDA.­ Parte semicircular dun templo situada no testeiro que acolle unha capela.

ABSIDIOLAS.­ Capelas abertas na ábsida ou no deambulatorio.

APARELLO ISÓDOMO.­ No que tódolos perpiaños son iguais. Tamén chamado regular.

ARCO.­ 1. Imposta ­ 2. Salmer ­ 3. Doela ­ 4. Contraclave ­ 5. Clave ­ 6. Intradorso ­ 7. Extradorso ­ 8. Rosca ­ 9. Luz ou corda ­ 10. Frecha ­ 11. Ril ­ 12. Xamba.

ARCO ABUCINADO.­ O que ten máis luz ou dimensión nun muro ca no oposto.

ARCO APUNTADO.­ O formado por dúas porcións de curva que forman un ángulo na clave.

ARCO DOBRADO.­ O que se lle sobrepón a outro de maior rosca.

ARCO DE MEDIO PUNTO.­ Semicircular con igualdade de radio en todo o semicírculo.

ARQUIVOLTA.­ Cara frontal dun arco, que pode estar dividida en moitos segmentos.

BANQUETA.­ Chanzo ou banzo feito no muro para empatar dúas partes do mesmo, pero de grosor diferente.

BASA ÁTICA.­ A formada por dous toros separados por unha escocia.

BILLETES.­ Motivo ornamental xeralmente de sentido semicircular a base de formas cilíndricas, cadradas ou prismáticas con relevo.

BOCEL.­ Moldura convexa de sección semicircular.

BÓVEDA DE CANÓN.­ A orixinada por un arco de medio punto.

BÓVEDA DE CANÓN APUNTADO.­ A orixinada por un arco apuntado.

BÓVEDA DE CRUCERÍA.­ A que reforza as súas arestas con nervios.

BÓVEDA DE FORNO OU DUN CUARTO DE ESFERA.­ A que consta dun cuarto de esfera.

CALÍCULO.­ No capitel corintio forma circular que se torce en espiral baixo o ábaco, aparece xeralmente nas esquinas do capitel.

CAVETO.­ Moldura decorativa cóncava que posúe unha sección equivalente a un cuarto de circunferencia.

CIMACIO.­ Filete que xebra un elemento doutro, ten xeralmente a altura dun sexto do elemento que coroa.

CANZORRO.­ Peza arquitectónica decorada ou prismática que amarra unha cornixa ou o beirado dun tellado.

COLARIÑO.­ Motivo decorativo da parte superior do fuste da columna anterior ó capitel.

COLUMNA ACOBADADA.­ Columna que cobre o ángulo ou cóbado de portas e ventás.

COLUMNA ENTORCHADA.­ A que retorce o seu fuste en espiral.

COLUMNA ENTREGA.­ A que non é monolítica e empotra algúns dos seus elementos no muro ó que está adosada.

CONTRAFORTE.­ Pilastra adosada ó muro que serve para reforzalo nos puntos no que este soporta maiores presións.

CREDENCIA.­ Mesa ou andel a carón do altar onde se poñen obxectos litúrxicos.

CRUCEIRO.­ Espacio no que se cruzan transversalmente as naves dunha igrexa.

CHAMBRÁ.­ Motivo decorativo en pedra que se coloca na parte exterior dos arcos de portas e ventás.

DEAMBULATORIO.­ Corredor que rodea semicircularmente a parte traseira do presbiterio.

ESCOCIA.­ Moldura corrida cóncava, con beiras saíntes rematada en dous filetes.

ESTÍPITE.­ Elemento troncopiramidal invertido con función de soporte, xeralmente de columnas.

ESTRIBO.­ Macizo de fábrica para reforza­los empuxes dunha construcción. Se son esquinais reciben este nome e se non o son chámanse contrafortes.

FIADAS.­ Serie horizontal de pedras ou perpiaños no muro.

FILETE OU LISTEL.­ Moldura de perfil cuadrangular.

FLOR HEXAPÉTALA CON BOTÓN CENTRAL.­ Formación floral de seis follas que se xuntan nun centro resaltado.

IMPOSTA.­ Superficie de apoio dos puntos de arranque dun arco ou bóveda a partir dos cales inician a descrición da súa curvatura.

INTRADORSO.­ Superficie interior dun arco ou bóveda.

LINTEL.­ Elemento horizontal que soporta unha carga, xeralmente en portas.

MOCHETA.­ Peza decorada situada nos ángulos formados por un limiar e marcacións dunha porta.

MEDIA CANA.­ Moldura semicircular cóncava.

NACELA.­ Moldura dun cuarto de círculo cóncavo.

ÓCULO.­ Pequena ventá en forma de O.

PANDEADO.­ Curvatura dunha parede, especialmente pola súa parte central, a causa dun exceso de carga.

PLINTO.­ Elemento cuadrangular disposto baixo a base dunha columna.

RESPONSIÓN.­ Columna de pé dereito interior, que garda correspondencia cun contraforte exterior.

SOFITO.­ Espacio horizontal entre dous canzorros no beirado e nas portas.

SOGUEADO.­ Decorado con motivo de soga ou corda.

TABICA.­ Espacio vertical entre dous canzorros no beirado e nas portas.

TAMBOR.­ Peza cilíndrica que compón o fuste, se non é monolítico.

TÍMPANO.­ Superficie delimitada polo limiar e a primeira arquivolta.

TORO OU BOCEL.­ Moldura semicircular ou convexa. Se é pequena chámase baqueta ou baquetón.

VENTÁ DE TIPO COMPLETO.­ A que posúe tódolos elementos clásicos decorativos: arco, capitel e columnas.

VENTÁ EN SETEIRA.­ Xanela alta e estreita que permite a entrada de luz. Pode atoparse soa ou se­la parte central dunha ventá decorada.

ESQUEMA DE IGREXA ROMÁNICA

Proxección isométrica

Arco faixón ou perpiaño

Bóveda de canón

Bóvedas de aresta

Esteos

Arquiños cegos

Arcos torais

Bandas lombardas

Trompa

Absidas laterais

Absidiolas

Nichos na ábsida

ESQUEMA DE IGREXA GÓTICA

Bóveda de crucería

Pináculos

Arbotante

Contrafortes ou estribos

Arco formeiro

Nave central

Nave lateral


IGREXIAS, COAS SÚAS ADVOCACIÓNS, CITADAS NO LIBRO

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

San Lourenzo de Carboeiro (Silleda)

Santa María de Acibeiro (Forcarei)

San Bartolomé de Rebordáns (Tui)

Santa María de Alveos (Crecente)

San Pedro de Angoares (Ponteareas)

Santa Eulalia de Losón (Vila de Cruces)

San Tomé de Piñeiro (Marín)

San Xurxo de Codeseda (A Estrada)

Santa María de Tebra (Tomiño)

San Pedro de Ancorados (A Estrada)

Casteláns (Covelo)

Santa María de Portas (Portas)

Parroquial de Gargantáns (Moraña)

Parroquial de Rebón (Moraña)

San Martiño de Moaña (Moaña)

Santiago de Parada (Nigrán)

Santa María de Tomiño (Tomiño)

San Vicente de Barrantes (Ponteareas)

Santiago de Tabeirós (A Estrada)

Parroquial de Fiestras (Silleda)

Parroquial de Ouzande (A Estrada)

Santa María de Sacos (Cotobade)

San Salvador de Escuadro (Silleda)

Santa María de Cela (Bueu)

Parroquial de Romai (Portas)

Santiago de Arcade (Soutomaior)

Santa María de Frades (A Estrada)

San Martiño de Sobrán (Vilagarcía)

San Pedro de Dozón (Dozón)

Mosteiro de Oia (Oia)

Santa María da Armenteira (Meis)

PROVINCIA DA CORUÑA

San Martiño de Mondoñedo (Foz)

San Xoán de Vilanova de Perbes (Miño)

Santo Antoniño de Toques (Melide)

Catedral de Santiago de Compostela

Santa María do Cambre (Cambre)

Monteagudo (A Coruña)

San Pedro de Mezonzo (Vilasantar)

Santa María de Mezonzo (Vilasantar)

Santiago de Mens (Malpica)

Santa María do Sar (Santiago de Compostela)

San Miguel de Breamo (Pontedeume)

Santa María de Monfero (Monfero)

Betanzos (Betanzos)

Santiago de Herbón (Padrón)

PROVINCIA DE OURENSE

Santa María de Oseira (San Critobo de Cea)

Santa María de Melón (Melón)

Santa Mariña das Augas Santas (Allariz)

Santa Cristina de Ribas de Sil (Ribas do Sil)

Catedral de Ourense

San Pedro da Mezquita (A Merca)

Santa María de Oseira (San Cristobo de Cea)

Mosteiro de Celanova (Celanova)

Igrexa da Magdalena (Ribadavia)

PROVINCIA DE LUGO

San Fiz de Cangas (Pantón)

Santiago de Vilar de Donas (Palas de Rei)

Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

San Pelaxio de Diomondi (O Saviñao)

San Xoán de Portomarín (Portomarín)

Santa María de Pesquieiras (Chantada)

San Estevo de Reiríz (Samos)

San Pedro de Reimóndez (Lugo)

Santa María de Goo (O Incio)

San Pedro Félix do Hospital do Incio (O Incio)

Santiago de Vilar de Donas (Palas de Rei)

OUTRAS FÓRA DE GALICIA

Santa Marta de Tera (Zamora)

Saint Sernin de Toulouse (Toulouse, Francia)

Santa María a Real de Sangüesa (Sangüesa, Navarra)