|
Adaptación da obra de E. Blanco Amor feita polo mestre Suso Rodríguez Amil PERSONAXES: CASTORA, ou a tía Lambida, 40 anos. EDESIO, rapaz espilido, falador, 10 anos. XANUCO, labrego, 25 anos. CARLITOS, señorito veraneante, 12 anos. TERESA, veciña de Castora, de idade similar. CREGO, groso e bermello, 65 anos. A tía Lambida deseiva unha colada no curro da súa casa, metendo e sacando as pezas dunha barreña amarela. Está a cantar a copla que segue, con ese aire desafinado da xente paisana cando canta en castrapo. LAMBIDA Si el mar tiviera barandas, foérate vere al Brasile, pero como non las tiene, mi nejra, non poedo ire, ai lalalalalalala, ai lalalalalalelo y ténjome de morire,.... EDESIO Dende fóra. ¡Tía Lambida, ai tía Lambida! LAMBIDA Non querendo oir. Pero como non las tiene, mi nejra, non poedo ire. EDESIO Tía Lambida, ¿seica está sorda? LAMBIDA De mal xenio. ¡Tía centellas! ¿Non teño nome, ou....? EDESIO Entrando E que.... eu, pois .... LAMBIDA Pois chámome Castora, ¿sabes? EDESIO Sei, sei, si señora.....mais como todos lle chaman Lambida..... LAMBIDA Boeno, ¿a que vés? EDESIO Mándame a mamá a ver se fai o favor de nos emprestar a bigornia, pra ferrar unhas zocas e porlle unhas viras, que como chove tanto non pode ire á escola o meu irmanciño, que agora emprincipia a ire á escola de don Ladillao o portugués, porque na outra non fan máis que rezare, asegún escribe o meu tío... LAMBIDA ¿E cal dos pequenos , que os tres collen embaixo dun cesto? EDESIO Pois o maior dos máis pequenos, o Sócrates. LAMBIDA Pero se ese ten catro anos, home.... EDESIO Non señora, non, o que ten catro anos é o Espartaco; o Sócrates xa anda nos seis. LAMBIDA ¡Jasús, que non sei como aturades semellantes nomes! EDESIO É o meu tío, o Habanero, que nolos mandou poñer por carta, xa que el non cre en Deus,.... ademais como manda xiros,.... LAMBIDA E como non cre en Deus, mil raios o fendan, ándavos a tolear con eses nomes de cans ou de titiriteiros. EDESIO O pior foi o Epaminondas, que non nos afaciamos a dicilo, e ademais ríanse de nós. ...Quedoulle o Epa, e chégalle ben , que era moito chamárese pra tan arriquitado como quedou. LAMBIDA Boeno, déixame lavar que aínda teño que facer o xantar pra os xornaleiros e mais cocerlle a lavadura á marrá, que librou onte á noite e ... EDESIO ¡Deus vexa por ela...! ¿E logo non me empresta a bigornia? LAMBIDA ¡Boh, a bigornia, a bigornia,...! ¿E como non tendes unha bigornia na vosa casa? Tanto botar por ela, cunha filla na Habana e vosoutros dous na escola da vila e non tendes pra unha puñesquera bigornia... EDESIO Ter témola, si señora, pero botárona a perder os marraus, dispensando. LAMBIDA ¿Os marraus?, así Deus me dea ¿E como poden botar a perder os marraus unha cousa de ferro, por máis esfameados que os teñades? EDESIO É que...a tiñamos no curral, e de tanto refregarse nela e rillar no tallo, foise gastando ata esmorecerse de todo; agora non queda máis que o ferro. LAMBIDA ¡Vaia por Deus! Se a túa nai e máis as túas irmás pensaran nalgo máis que en andárense arrandeando coma señoritas fora a alma, os porcos terían outra cousa que facer que andárense refregando e rillando nas bigornias. Entra e sae de contado. Boeno, aí a tes. ¿ Podes con ela? ¡Bótaa ao ombreiro, home...! E quéroa de volta antes da noite, eh? EDESIO Ta ben, si señora.... LAMBIDA E coidado con me volver a chamar Lambida, eh? EDESIO Ta ben, si señora. Índose. Raio de tía Lambida, fala máis que vinte costureiras. LAMBIDA Si el mar tiviera barandas, foérate vere al Brasile, pero como non las tiene, hum, hum, hu hu hum, hu hu hu... XANUCO Dende fóra berrando. ¡Tía Lambidaaaa...! LAMBIDA .....y ténjome de morire... XANUCO Máis de preto. ¡Tía Lambidaaaa..... Ai, tía Lambida! LAMBIDA De mal xenio. ¡Tía navizas....! Entra Xanuco. ¿Non teño outro nome ou que? XANUCO Perdoe.... LAMBIDA Estou farta de perdoar.... De mellor xeito. Boeno, ¿a que vés? XANUCO Falando apresa, cun aquel de emoción na voz. Non... nada... Que me dixo a miña muller..., se nos podería emprestar a botella da auga bendita de San Antón, pois a pobre está que...., cunhas dores que lle escordan as carnes de por embaixo, salva seia la parte... e tamén por aquí, pola parte dos riles e polo dondo das illargas... Que coido que o que ten que vir virá dun instante a outro, digo eu, polo que... LAMBIDA Emprestar emprestaríacha de boa gana, que pra eses casos é, que todos somos cristiáns e témonos que axudar. ¿Pero non hai no lugar quen a teña máis recente?. Desde que naceu a miña filla Matilda, non fun ao mosteiro por ela, ¿entendes?. Total... ¿qué falla me fai a min a auga de San Antón? Xa vai pra catorce anos que o meu home se foi por aí adiante e ... Boeeeeno, prestareicha; mais logo de tanto tempo ao mellor está choca.... XANUCO Eu diso non entendo...Pero di a tía Sabela, a parteira de Mosende, que canto máis choca colle máis poder. LAMBIDA Voltando ao aduvío da roupa. E .... será. Pois vai adentro e dille á miña filla, que está na arca da roupa de gardar...E que teñades bo parto... ¡E non me chames Lambida, puñés, que non me gosta...! XANUCO Índose Deus llo pague, tía La..... señora Castora. LAMBIDA Falando para si. Ai, Jasús, un fillo por ano e anda a xornal seco....I en troques o meu home, con toda esta fartura, foise por aí o lambón; ás Américas, a comer o pan podre e o viño vinagre...que endexamais mandou carto ningún.... Manda revistas, je, como se se comera coas revistas...e todas elas con mulleres co cu ao aire, malia o parta .... A Brasil fuérate a vere en unha barca remera... iá que non por carretera... ailalelo, ailalala.... CARLITOS Chamando dende fóra. ¿Puedo entrar señora Lambida? LAMBIDA Enrabechada. Ai coña, tamén este señorito de caldo á merenda.... Pase, pase.... Calritos.... CARLITOS Moi fino, estendéndolle a man. Buenas tardes, señora Lambida... LAMBIDA Limpando as mans ao mandil. ¿También vosté, señorito Calros? CARLITOS ¿También, que? LAMBIDA Aínda no hizo un mes que vino por pirmera vez a Bentraces y ya me conoce por el alcume? CARLITOS ¿Y que es alcume? LAMBIDA Poes es el nombre que le ponen a una y que no es el de una... Lo mismo que a las curmanas de su mamá que le llaman las Piollas, siendo como son las señoritas de Chivas Rao... CARLITOS De Rivas Chao , querrá usted decir... ¿Así que Lambida no es su nombre propio sino su apodo...? Pues discúlpeme, no lo sabía. Como aquí todo el mundo le llama de ese modo... LAMBIDA Si, mas los vraneantes no son todo el mundo... Boeno, ¿y que quier? CARLITOS Vengo de parte de mamá, si me hace el favor de facilitarnos unas trébedes, pues con la costumbre de la cocina de gas, mamá no calculó que le iba a hacer falta, hasta ayer que dejamos de pedir la comida a la taberna, pues venía toda llena de pimentón y de moscas. LAMBIDA ¿Unas queeeee? CARLITOS Unas trébedes. LAMBIDA ¿E iso que es? CARLITOS Accionando. Esos hierros para poner las potas a la lumbre cuando es de leños. LAMBIDA ¡Ahhhh, uns trespés...! Poes se lo siento bien nejarles iste pirmer favor que me piden, que no ha sere el último, si Dios quier... Pero no le tengo más trespies que los mios... Si aínda foera una garamalleira, que desas tengo dos, la nuestra y la de los cerdos, disculpando... CARLITOS ¿Y qué es una garamalleira? LAMBIDA Le es la cadena de colgar los potes a la lumbre. CARLITOS No, eso no va a servir. ¡Qué lástima, qué contrariedad! LAMBIDA Dígale a su mamá que haga una con tres croios, hasta mañana que va el propio a Ribadavia y le poede traer uns trespiés. CARLITOS Pero si mamá no está acostumbrada ni a los tres pies de los otros, ¿cómo va a valerse con los croyos? LAMBIDA Vaia por Dios ... que le habemos de hacere. Entre y que se las dea la Matilda, que está nel curro datrás. O Calritos entra, e sae ao pouco cuns trespés pendurados na punta dos dedos da man esquerda. CARLITOS Dándolle a man dereita. Excuso decirle a usted cuánto se lo agradecemos... ¿Cómo se llamaba su marido? LAMBIDA Como llamar se llamaba Paulino, mas todos lo coñecían por el Esterqueiro... CARLITOS Saíndo. Pues usted lo pase bien, señora de Esterquero. LAMBIDA Despois de ter ollado dun xeito indescifrable para a cancela por onde saiu Carlitos. Está de Deus que non me van deixar deseivar esta roupa ... Ailalelo, ailalalala ailalalala, i ai lalelo... TERESA Dende fóra. ¡Castoraaa...! LAMBIDA Con extrañeza. Vaia, ao fin unha que non me chama Lambida. Entra Teresa...¿Desde cando pides premiso nesta casa, muller? TERESA Boas nos dea Deus.... ¡Que calor centelludo...! LAMBIDA ¿E logo, que te trae por aquí? TERESA Vaia coa pregunta... O gosto de verte, muller, ¿paréceche pouco?. Pasaba por eiquí e díxenme, pois vou ver como anda a Castora, que vai pra, fixo onte quince días, que non te vía. E velehí tes... LAMBIDA Pois agradézocho de certo, muller... porque o que é hoxe, e cantos aquí viñeron... TERESA ... e de paso dixen, vaia, pois vou ver se a Castora me podería emprestar aquel reloxo, ...que era do teu home, que aínda fai pouco cho teño ollado aí, enriba da cómoda, pendurado da cadea de ouro... LAMBIDA Pois direiche... TERESA ... que o meu home ten que ir a Ourense, a vérese con don Aladio o procurador, e sempre lle dá aos homes máis aquel iren cun reloxo, ¿entendes? LAMBIDA Entendo, muller, entendo... e síntocho ben... Pois témolo a compor, que llo emprestamos ao fillo do Caparráns pra o casamento e ... xa ves, non se poden emprestar as cousas a quen... TERESA De mal xeito. ¡Vaia muller, que tamén che é casualidade...! . Mellor sería que mo negases sen andares con tanta volta. LAMBIDA ¿Que voltas nin reviravoltas? Enrabexándose. Pois olla que ... Tes unha língoa que.... Calquera diría que eu son ... TERESA ¿Quen , ti? ¿E que has sere? . Unha agarrada, iso, unha agarrada. Por non facere un favor, eres capaz de pintar a rabia. ¡Agora vesme con que tes o reloxo a compor!. Di que non che peta de mo prestare e acabouse... LAMBIDA Perdendo o tino. ¡Ai, raio de...!. ¿E por que che hei de mentire, por que?. Déboche un corno e págoche co outro... ¿Que obrigas teño contigo nin cos teus?, que nunca vindes aquí máis que para amolestare. O reloxo está a compor e teño dito ... TERESA ¡Que ha de estar, que ha de estar, raio de subela!. A culpa, téñoa eu en virche a pedir nada... Nunca lle fas un favor a ninguén... Tanto como tes e todo che parece pouco pra ti e pra arriquitada da túa filla... Por algo che chaman Lambida... LAMBIDA ¡Ai, que demo de bruxa! , que xa che vén de caste esa língoa de fura as paredes. TERESA ¡Ollade quen fala! LAMBIDA ¿Como te estreves a dicir que non fago favores a ninguén, cando aínda me tes aló, unha tesoura, a bufanda de pelo de cabra e máis un pano de Camariñas que vos emprestei, vai alá para dous anos? TERESA Collendo o portante. ¡Que che hei ter, que che hei ter! . ¿A quen lle emprestaches nunca nada? ¿A quen? Lambida, Lambidona... LAMBIDA Índose para ela. ¡Ai, centelluda, mal agradecida, agarda aí que... TERESA Dende fóra. Lambidona, que nin o teu home te poido aturare.... A tía Lambida volta e séntase. LAMBIDA ¡Arrenegado sexa o demo do inferno...!. A condanada non me chamou Lambida de comenzo, mais despois desquitouse... Está visto que teño que valeirar a miña casa i emprestarlle todo aos veciños... E aínda así, Lambida por aquí, Lambida por acá, Lambida por acolá, Lambida por enriba, Lambida por embaixo... Non, non o aguanto máis, o primeiro que me chame Lambida.... CREGO Dende fóra, con voz de coronel. ¡Lambida! LAMBIDA ¡Merda! Entra o crego. Ai, ¿é vostede? Séntese, séntese,.... CREGO Pois vaia un recibimento que me fas... ¿É esa a maneira de responderes cando te chaman? LAMBIDA Xa máis reposta do susto. ¿Como cando me chaman? ¿E logo, vostede cando me acristianou buscou no almanaque Santa Lambida? ¿Foi ese o nome que me puso, foi? CREGO Certamente que non... Ben sei que te chamas María Castora. Pero como todos e todas che chaman Lambida.... LAMBIDA Índose cara el e facéndoo recuar. ¿Con que todos me chaman Lambida...? Pois tamén a vostede lle chaman Lorpas, Roechourizos, Lampantín, Broeiro, Papaunto i Escornacruces... e nunca llo teño dito, nin sequera en confesión. ¡Pois agora, ala, xa o sabe...! . Ata logo. Péchase o telón.
FIN |
||