|
Personaxes:
XUSTA .- ¿De maneira que pasaches na vila unha boa temporada? DOLORES.- Pasei, e se non me mandan meus pais volver á casa, dígoche miña filla, que hoxe na vila seguía. ¡Eu nunca che vin tal cousa!. XUSTA .- ¡Non ...! ¡Polo que din, aquilo é xeitoso!. Alí as diversións non faltan. DOLORES.- ¡Diversións,... e aducación, e limpeza. Fóra a ialma, aquí somos coma porcos. Alí somentes a chambra está un pouco lixosa. Tes por forza que tirala. XUSTA .- E logo, ¿é certo que se leva pór as unllas coloradas, e darlle aos labios pemento?. DOLORES.- E estirrincar as pestanas, e arrincar os pelos das cellas , e dar ao redor dos ollos cunha cortiza queimada. E agora lévanse unhas faldas tan cortiñas, que os entendidos chaman menifalda ..., e ás mozas cando lle cae algo ao chan, non se poden agachar, porque se non .... ¡E cando se sentan ás mañás de sol á porta dos cafés, téñenno que facer con moito xeitiño, pois as miradas dos homes vanse todas cara as súas pernas. XUSTA .- ¡Jasús! Entón as mulleres asemellan máscaras. DOLORES.- Pois estanche moi bonitas. Boeno, algunhas, pois outras pasan do cevil ao creminal e parecen relaxadas. XUSTA .- Eu non che estou moi dacordo con eses mexunxes, chacha. A muller que ten bo ver, para aquilo de serche goapa, só precisa para gustarse, batuxarse ben con auga, e cando máis, empañar uns polviños pola cara. DOLORES.- Pois si, pero se algunha vai como ti dis, pois nada, os mozos din que é unha vella, ou considérana parva. Como eles tamén andan con esas chafalladas. XUSTA .- ¿Tamén os mozos se pintan? DOLORES.- Coma santos, vaia ... XUSTA .- Por Dios, muller, que non cho creo. DOLORES.- ¿Que non mo cres? ¡Palabra! . E gastan a permanente coma calquera rapaza. ¡Fan uns tupés!. E deixan medrar tanto as guedellas que ás veces fan dubidar do xénero que son. E aínda hai algúns tan atrevidos que pintan as cellas e o pelo... E levan pendientes. Boeno, e non digamos nada dos zapatos cos tacóns altos e estreitos, e unha variedade incontable de coloridos nas camisas e nos pantalóns, e o xeito de andar que teñen algúns que parece que van caminando descalzos sobre toxos. XUSTA .- Eu comprendo que unha moza faga calquera tolería para lle gustar a aquel home con que quere ver se casa. Pero un home que tal sexa, non pode andar fozando na cara con cortizas e pós. Iso dame tal noxo, rapaza, que se un deles onda min a falar viñera, ¡Deus me perdone!, mais penso que non lle quedarían ganas.... ¡marraus, iso non é de homes! DOLORES.- Eu iso non sei, ...se cadra..., pero as modas mándano así e o mundo ten que acatalas. XUSTA .- ¡Que noxo de mundo, filla! ¿E ti tamén te pintabas? DOLORES.- Eu somentes me pintei dúas veces, e mira, ¡estábache guapa!. Miñas primas , que che están moi estudiadas, puxéronme dous luares... ¡se vises o que lucían!... un aquí, xunto a esta ourella, o outro aquí, nesta queixada, que aínda que naceran eles, non tiñan mellor feitura. XUSTA .- ¡Ai, tola, tola!....Pois a min, se tal me pasa, aínda eu arda no inferno, nin por canto hai neste mundo me botaba fóra da casa. ¡Que vergoña, deus do ceo!.. e se cando saio me cadra de atopar un coñecido, caio patrás en redondo. DOLORES.- Non, muller, non. Pero ti non ves que aínda que alguén atopases, non sabería que eras ti. XUSTA .- ¿Entón, ias tan desfigurada? DOLORES.-Claro. Fíxate. Ia coa cara untada de graxa, despois o colorete, derriba enfariñada; os luares, unhas cellas ata as orellas pintadas , os ollos ao redor negros , os fuciños coma grana e ...cubríndome a testa unha cousa coma un garapiño de palla, unha noz e dúas cereixas de lado penduradas. XUSTA .- ¿Entón eras o entroido? .Olla que foi boa lástima non vires así ao lugar. De fixo que te escorrentaban os rapaces, e eu con eles. DOLORES.- Pois alí coma se nada. Andamos polo paseo, polas rúas, polas prazas..., e a xente ri que te ri... porque a xente é moi simpática, e sempre che fala moito. XUSTA .- Riríanse de ti , parva. DOLORES.- Mais se rían, ben que lles gustaba; íache ben preparada. XUSTA .- ¿E falaches con alguén? DOLORES.- Falei muller, falei,...¡Funche moi visitada! XUSTA .- ¿E ti sabías? DOLORES.- E logo. XUSTA .- ¿As túas primas enteiráronse.? DOLORES.- Claro; cando me dicían así, que se marchaban : “He teinido mucho justo en tratala”. Contestáballe : “El justo es meu”, toda rindo porque eles estoupaban. XUSTA .- Estouparían , estouparían, e razón non lles faltaba. DOLORES.- Pois non o creas. Aínda que facer, facer, fíxenche unha boa burrada. XUSTA .- ¿E cal foi? DOLORES.- Fun acender unha luz que había na sala, cunha vela , e non ardía; ata que veu a criada e díxome : “No la encienda, que le es aléutrica la lámpara, e faise no anterrutor”. Daquela quedei unha miga avergonzada. XUSTA .- ¡Oh, muller! ¿e como foi iso, ascaso non había máis xente que te observara? A verdade é que as túas primas sonche ben atrevidas, vaia; e ti meteches a pata. DOLORES.-Máis a meterías ti. O que tes é unha envexa que non te lambes. ¡Como nunca en tal te viches...! XUSTA .- Nin tal quero , miña santa. Eu xa non che teño primas que me metan en liadas; mais se as tivese, de fixo qu cousa tal non me pasaba. Eu de entroido non me poño cando de entroido non se trata, que eu póñome ao meu gosto, e non me poño ao de ninguén; e se alguén quere rir, que a conta de outros o faga. DOLORES.-Boeno, vale; que eu fago o que me da a gana. Que.. ninguén ten que ver coa miña vida, xa está ben. Ti vai saber que hai na túa e mira a ver se a tes gobernada. XUSTA .-¡Camiña, camiña! ¡Vaite!. ¡Lástema do pan que tragas! .
Pano |
||