|
Persoaxes:
Narrador: Era unha tarde de Outono. As árbores espidas acaneaban co frío. Tódolos animaliños estaban metidos nas súas casas. Só unha bolboreta branca voaba por entre as pólas das roseiras buscando o zume dalgunha flor. Bolboreta: (suspirando) ¡Cando chegará outra vez a Primavera! ¡Ai...! Non me gusta este xardín tan triste e emporcallado. ¡Que pena das miñas ás tan bonitas! ¿Onde descansarei para non mancharme? Narrador: A bolboreta, que era moi presumida, pouco a pouco foise poñendo triste. Era xa case noite cando se deu conta de que tiña moita fame e moito frío. Daquela escomenzou a chorar e exclamar: Bolboreta: ¡Ai, ai, que desgraciadiña son! ¡Ai, ai, quen me axudará...! ¡Vou morrer coma non atope a ninguén! ¡Socorro...! ¡Socorro...! Narrador: Unha tartaruga que dormía debaixo da súa cuncha espertou ó ouvir os choros da bolboreta. Abriu a boca dúas ou tres veces e dixo: Tartaruga:(levantando a voz) ¿Quen chora por aí! Bolboreta: ¡Eu, eu, por favor...! Tartaruga:(achegándose pouco a pouco) ¿Que che pasa, bolboreta? ¿Por que berras tanto? Bolboreta:¡Uf...! ¡Que bicho máis feo es! ¡Só tés cara de vella e unha cuncha emporcallada enriba! Tartaruga: Ben, ¿e que? Eu son feliz así. Ti, pola contra estás chorando. ¿Que che pasa? Bolboreta:¿Para que cho vou contar se ti non podes axudarme...? Tartaruga: ¿E como o sabes? Bolboreta: Porque eu non quero que me axude un bicho tan feo coma ti. Non quero que me luxes nin me rompas as ás. Tartaruga: Non estou emporcallada. É a miña cor. Bolboreta: De tódalas maneiras. Es moi bruta e... ¡eu son tan delicada! Tartaruga: Como queiras . Vou seguir durmindo, que é tarde e vai moito frío. Narrador:Aínda non acabar de falar a tartaruga cando Eolo botou un sopro e a bolboreta perdeu o equilibrio e caeu contra o chan. A bolboreta quixo levantarse, pero non podía porque rompera unha á. Bolboreta: (chorando de novo) ¡Socorroooo...! ¡Socorro, bicho feo! Tartaruga:Escoita bolboreta presumida. Se queres algo de min terás que empezar por chamarme polo meu nome: chámome tartaruga e agora pídeme por favor todo o que queiras. Adeus, vou durmir. Bolboreta: (Suplicando) ¡Non me deixes soa...! ¡Non te vaias, por favor tartaruga! Se me deixas morrerei e quero vivir para esperar a Primavera. Tartaruga: Está ben. Vou por ti. Non te movas. Pasarás a noite comigo. Mañá pensaremos o que podes facer. Narrador: A tartaruga camiñou ata onde caera a bolboreta. Achegouse a ela, que acaneaba de frío e levantando a súa cuncha tapouna. Bolboreta: ¡Que ben se está aquí! Es moi boa tartaruga. Esta cuncha é unha casa de verdade. ¡¡Que parva fun e que equivocada estaba!! Narrador: E a tartaruga e a bolboreta botáronse a durmir paseniñamente.
Fin |
||