|
|
|||||||||
TÍTULO I - Disposicións
preliminares.
TÍTULO II - Órganos de
goberno.
|
TÍTULO IV - Réxime de
funcionamento.
|
||||||||
|
1. Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG 21-10-96. Corrección de erros DOG 06-11-96 e DOG 08-01-97). Disposicións preliminaresArtigo 1º1. As escolas de educación infantil e os colexios de educación primaria, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, son centros docentes públicos que imparten as ensinanzas de educación infantil e primaria, respectivamente. 2. A creación das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria ás que se refire o apartado anterior correspóndelle ó Goberno da Xunta de Galicia mediante Decreto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. 3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autoriza-la creación, suspensión ou transformación de unidades de educación infantil ou de educación primaria que se estime, de acordo coas necesidades de atención escolar e as características da poboación. 4. Así mesmo, por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá modificarse a rede de centros existente en función da planificación do ensino. A modificación incluirá as agrupacións e desdobramentos necesarios para a eficaz utilización dos recursos dispoñibles e a calidade do servicio público da educación. Artigo 2º 1. As escolas de educación infantil, os colexios de educación primaria e colexios de educación infantil e primaria de menos de seis unidades sitos en ámbitos rurais dunha ou varias localidades poderán agruparse para constituír un só colexio público, que gozará de plena capacidade académica, administrativa e de xestión, e que se denominará colexio rural agrupado. 2. O colexio rural agrupado disporá de denominación específica, se é o caso, así como dun domicilio concreto para os efectos administrativos. 3. As unidades obxecto de agrupación consideraranse extinguidas como tales a partir do momento no que se constitúa o colexio rural agrupado. 4. O colexio rural agrupado terá como obxectivo fundamental eleva-la calidade do ensino das comunidades rurais, así como contribuír á revitalización socioeconómica e cultural das mesmas, a través da elaboración e aplicación coordinada de proxectos educativos que permitan a integración das aprendizaxes nos contornos respectivos. Artigo 3º 1. Os recursos humanos e materiais correspondentes ás unidades agrupadas, e aqueles que eventualmente se asignen, integraranse nos colexios rurais agrupados. 2. As instalacións docentes e, se é o caso, as deportivas, poderán estar situadas en distintas localidades Artigo 4º Os alumnos escolarizados nas unidades agrupadas cursarán as ensinanzas correspondentes na localidade da súa residencia. Cando proceda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará a combinación de instalacións, profesorado e alumnos que mellor asegure a consecución de obxectivos. Artigo 5º 1. O cadro de profesores do colexio rural agrupado será equivalente en número ó das unidades que o constitúan, sen prexuízo do profesorado especialista itinerante que puidese asignarse complementariamente. 2. A referencia dos destinos dos profesores será o colexio rural agrupado, con especificación da localidade na que obtiveron o seu destino. Para estes efectos, a convocatoria de vacantes especificará as localidades concretas do colexio rural agrupado nas que as prazas sexan obxecto da provisión. 3. O profesor desenvolverá a súa actividade docente na localidade na que obtivo o seu destino, ou en varias, se é o caso, das que compoñen o colexio rural agrupado, e de acordo coa distribución xeográfica dos ciclos, etapas, alumnado, proxecto educativo e as normas de ordenación académica aplicables. Artigo 6º 1. A constitución dos colexios rurais agrupados realizarase de oficio por proposta da correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por instancia do órgano competente de un ou varios centros preexistentes. En todo caso, será preceptiva a consulta ós pais de alumnos, profesores e concellos implicados. 2. As propostas ou instancias deberán ir acompañadas dunha memoria xustificativa referida ós seguintes aspectos: - Características xeográficas do ámbito de influencia do colexio que se pretende constituír. - Razóns que aconsellan a súa constitución. - Relación detallada das necesidades derivadas do proxecto referidas a profesorado, gastos de funcionamento e investimentos novos, se é o caso. 3. A constitución acordarase por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na que constarán: - Unidades obxecto da agrupación. - Composición definitiva do colexio rural agrupado. - Localidades atendidas. - Domicilio, para os efectos administrativos e xurídicos, do novo centro. Artigo 7º Os colexios de educación especial e educación de adultos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria rexeranse por este regulamento e polas normas singulares que demanden as súas peculiaridades organizativas. Artigo 8º 1. As escolas de educación infantil e os colexios de educación primaria de titularidade pública dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán, segundo corresponda, a denominación xenérica de Escola de Educación Infantil, Colexio de Educación Primaria ou Colexio de Educación Infantil e Primaria e a denominación específica que aprobe a dita consellería por proposta do consello escolar do centro e con informe favorable do concello. 2. Non poderán existir no mesmo concello escolas de educación infantil ou colexios de educación primaria coa mesma denominación específica. 3. Tódolos centros utilizarán a denominación xenérica en lingua galega nos seus letreiros, impresos e selos e, en xeral, sempre que se utilice o nome do centro. 4. En tódolos centros figurará n a fachada do edificio, en lugar visible, un letreiro co escudo de Galicia e as expresións: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a denominación do centro. Tamén poderá figura-lo escudo e o nome do concello no que estea situado. Órganos de goberno das escolas de educación infantil e doscolexios de educación primaria.Capítulo IDisposicións xerais Artigo 9ºAs escolas de educación infantil os colexios de educación primaria, coas matizacións recollidas neste regulamento, terán os seguintes órganos de goberno: a) Unipersoais: director, xefe de estudios e secretario. b) Colexiados: consello escolar e claustro de profesores. Artigo 10º 1. Os colexios de educación infantil e primaria terán órganos de goberno únicos nos que participarán pais e mestres de ámbalas dúas etapas educativas. 2. No suposto previsto no apartado anterior, para determina-lo número de unidades do centro, sumaranse as correspondentes a educación infantil e a educación primaria Artigo 11º A participación dos pais ou titores legais dos alumnos, dos mestres, do persoal de administración e servicios e dos concellos, na xestión dos centros realizarase a través do consello escolar, sen prexuízo das funcións propias do claustro de profesores, de conformidade co previsto na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros públicos e no presente regulamento. Artigo 12º 1. Os órganos de goberno velarán pola efectiva realización dos fins da educación, pola mellora da calidade do ensino e a configuración dun auténtico ensino galego, con total respecto ós principios básicos da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia. 2. Ademais, no ámbito da súa competencia, garantirán o exercicio dos dereitos recoñecidos ós alumnos, mestres, pais de alumnos e persoal de administración e servicios. Así mesmo, favorecerán a participación efectiva de tódolos membros da comunidade educativa na vida do centro, na súa xestión e avaliación. Capítulo IIÓrganos unipersoais de goberno, elección, nomeamento e competencias deles Artigo 13º Os órganos unipersoais de goberno constitúen o equipo directivo do centro. Traballarán de forma coordinada no desempeño das súas funcións. O seu mandato será de catro anos, contados a partir do seu nomeamento e correspondente toma de posesión, agás nos centros de nova creación, que será de tres anos. Artigo 14º 1. Nos centros con oito ou máis unidades haberá director, secretario e xefe de estudios. 2. Nos centros con seis ou sete unidades haberá director e secretario. O director asumirá as funcións do xefe de estudios. 3. Nos centros con tres, catro ou cinco unidades, o director asumirá as funcións do xefe de estudios e do secretario. As funcións de secretario no consello escolar serán asumidas polo mestre, membro do consello, que designe o director. 4. Nos centros de menos de tres unidades asumirá tódalas funcións encomendadas ós órganos de goberno unipersoais un dos profesores, designado logo de acordo entre eles. De non existir acordo, desempeñará estas funcións o máis antigo no centro, e, en caso de igualdade, o máis antigo no corpo. Artigo 15º O director será elixido polo consello escolar, e nomeado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Artigo 16º 1. Poderá optar ó cargo de director calquera mestre, funcionario de carreira, que reúna os requisitos seguintes: a) Ter, cando menos, unha antigüidade de cinco anos no corpo de mestres. b) Exercer como mestre durante un período de igual duración en centros de educación infantil ou primaria. c) Ter destino definitivo no centro, cunha antigüidade nel, cando menos, dun curso completo. d) Estar acreditado pola Administración educativa para o exercicio da función directiva. 2. Nos centros incompletos de educación infantil e/ou educación primaria, nos de zonas rurais de especial dificultade, nos colexios rurais agrupados, nos que impartan ensinanzas dirixidas a persoas adultas, nos de educación especial, así como en centros de características especiais, no caso de que non existan mestres que reúnan as características do apartado 1, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá eximi-los candidatos de cumpriren algún dos mencionados requisitos. 3. Non poderán presentarse como candidatos aqueles mestres que exercesen como directores dese centro durante tres períodos consecutivos inmediatamente anteriores. Para estes efectos unicamente computarán os períodos para os que fosen designados de acordo co establecido neste regulamento. Artigo 17º 1. Os candidatos ó cargo de director deberán presentar, por escrito, ante o consello escolar, con quince días de anticipación á data de elección, a súa candidatura, a cal incluirá: a) Programa de dirección, indicando os obxectivos que pretende alcanzar, análise do funcionamento, problemas e necesidades do centro, liñas fundamentais de actuación e proposta dos órganos de goberno unipersoais da candidatura establecidos neste regulamento. b) Acreditación para o exercicio da función directiva e condicións que permitiron esta acreditación. c) Méritos académicos e profesionais non considerados para a acreditación. 2. O consello escolar deberá coñece-lo programa dos candidatos. 3. O claustro de profesores deberá ser informado das candidaturas e coñece-los programas presentados. Artigo 18º A mesa electoral estará integrada por dous mestres e un pai ou titor legal de alumno, elixidos por sorteo entre os membros do consello escolar. O sorteo, que será público, deberá considera-la designación de membros titulares e suplentes. En ningún caso participarán en tal sorteo os candidatos á dirección. Actuarán como presidente e secretario da mesa electoral os mestres de maior e menor idade, respectivamente. Artigo 19º A votación efectuarase diante da mesa electoral mediante sufraxio directo, secreto e non delegable; resultará elixido director o candidato que obteña o apoio da maioría absoluta dos membros do consello escolar. Cando, concorrendo máis dun candidato, ningún deles obtivese a maioría absoluta, procederase no prazo de corenta e oito horas a realizar unha segunda votación na que figurará unicamente o candidato máis votado na primeira. Para ser elixido en segunda votación tamén é necesario logra-la maioría absoluta dos membros do consello escolar. De existir empate na primeira votación, realizarase unha segunda votación, no prazo de corenta e oito horas, individualizada entre os aspirantes que igualaron no número máis elevado de votos. Decidirase por sorte a orde na que serán votados os aspirantes. Tódolos electores poderán participar na votación individualizada de cada aspirante. En caso de seren varios os aspirantes que concorren en segunda votación resultará elixido o que, obtendo a maioría absoluta, logre máis votos. Artigo 20º 1. A mesa electoral remitiralle a acta da elección ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, expresando, segundo proceda: a) O candidato que obtivo a maioría absoluta. b) Que ningún candidato alcanzou a maioría absoluta. 2. No suposto de que non se presentase ningunha candidatura será o consello escolar o que, a través do seu presidente, deberá comunicar tal extremo ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Artigo 21º 1. Cando non haxa candidatos ou, cando habéndoos, ningún obtivese a maioría absoluta, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará director por un período de catro anos a un profesor que, independentemente do centro de destino, reúna os requisitos seguintes: a) Ter unha antigüidade, cando menos, de cinco anos no corpo da función pública docente no que exerce. b) Estar en activo durante igual período nun centro de educación infantil ou primaria. c) Estar acreditado pola Administración educativa para o exercicio da función directiva. 2. No caso de centros que por ser de nova creación ou por outra circunstancia debidamente xustificada, non se dispuxese de profesorado que reúna os requisitos anteriores a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará director a un mestre, funcionario de carreira que, de ser posible, reúna algún dos requisitos. Artigo 22º O nomeamento, que realizará o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como a toma de posesión, terán efectos do 1 de xullo do ano en que se efectúe o proceso electoral. Artigo 23º 1. O director do centro cesará nas súas funcións ó final do seu mandato ou ó producirse algunha das seguintes causas: a) Renuncia motivada aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. b) Traslado temporal ou definitivo, voluntario ou forzoso, pase a situación de servicios especiais, xubilación, excedencia voluntaria ou forzosa e suspensión de funcións de acordo co disposto na lexislación vixente. c) Cando sexa destituído polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria logo de proposta de revogación, acordada por maioría de dous tercios do consello escolar. Artigo 24º O director, cando incumpra gravemente coas súas obrigas poderá ser destituído ou suspendido de funcións polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación e Ordenación Universitaria logo de informe razoado do consello escolar do centro e audiencia do interesado. Artigo 25º Cando se produza o cesamento do director con anterioridade ó remate do seu mandato, por calquera das causas enumeradas nos artigos anteriores, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará un director, con carácter accidental e ata o 30 de xuño. Artigo 26º En caso de ausencia, enfermidade ou suspensión de funcións do director desempeñará as súas funcións, con carácter accidental, o xefe de estudios do centro e, no caso de que non exista tal órgano, o mestre máis antigo no centro. De existiren varios profesores coa mesma antigüidade no centro, desenvolverá as funcións provisionalmente o máis antigo no corpo. Artigo 27º É competencia do director: a) Representar oficialmente á Administración educativa no centro, sen prexuízo das atribucións das demais autoridades educativas. b) Representa-lo centro. c) Dirixir e coordinar tódalas actividades do centro cara á consecución do proxecto educativo e de acordo coas disposicións vixentes, sen prexuízo das competencias do consello escolar e do claustro. d) Visa-las certificacións e documentos oficiais do centro. e) Designar, de se-lo caso, o xefe de estudios e o secretario, e propoñe-lo seu nomeamento e destitución. Nomea-los coordinadores de ciclo, ó coordinador de normalización lingüística e ós titores, de acordo co procedemento establecido neste regulamento. f) Executa-los acordos dos órganos colexiados no ámbito da súa competencia. g) Coordina-la elaboración do proxecto educativo do centro, proxecto curricular e programación xeral anual, de acordo coas directrices e criterios establecidos pola Administración educativa e polo consello escolar, e coas propostas formuladas polo claustro e outros órganos de participación, responsabilizándose co equipo directivo da súa redacción e velando pola súa correcta aplicación. h) Convocar e presidi-los actos académicos, o consello escolar, o claustro, a comisión de coordinación pedagóxica do centro, a comisión económica do consello escolar e cantas outras se constitúan regulamentariamente, podendo delega-la presidencia dalgunha destas comisións noutros membros do equipo directivo ou do claustro. i) Cumprir e facer cumpri-las leis e demais disposicións vixentes. l) Exerce-la xefatura de todo o persoal adscrito ó centro. m) Favorece-la convivencia do centro e impoñe-las correccións que corresponda, de acordo coa normativa vixente, co Regulamento de réxime interior e cos criterios establecidos polo consello escolar. n) Garanti-lo dereito de reunión de mestres, alumnos, pais de alumnos e persoal de administración e de servicios, de acordo co disposto na lexislación vixente. ñ) Colaborar coa inspección educativa na valoración da función pública docente e, en xeral, nos plans de avaliación do centro. o) Xestiona-los medios humanos e materiais do centro, dinamizando os distintos sectores da comunidade educativa, especialmente os restantes membros do equipo directivo e coordinadores de ciclo e normalización lingüística, canalizando aportacións e intereses e buscando canles de comunicación e colaboración. p) Promover e impulsa-las relacións do centro coas institucións do seu contorno. q) Trasladarlle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria anual sobre as actividades e situación xeral do centro, así como, no seu caso, as propostas de solución ós problemas existentes. r) Facilita-la adecuada coordinación con outros servicios educativos da zona. s) Coordinar e fomenta-la participación dos distintos sectores da comunidade escolar e procura-los medios precisos para a máis eficaz execución das súas respectivas competencias. t) Proporciona-la información que lle sexa requirida polas autoridades educativas competentes e colaborar en todo o relativo ó logro dos obxectivos educativos do centro. u) Facilita-la información sobre a vida do centro ós distintos sectores da comunidade escolar. v) Autoriza-los gastos de acordo co orzamento do centro e ordena-los pagamentos. x) Realiza-las contratacións de servicios e subministracións de acordo co que regulamentariamente se estableza. Artigo 28º 1. O xefe de estudios e o secretario, nos centros onde existan, serán designados polo director entre os mestres con destino definitivo no centro, logo de llo comunicar ó consello escolar. 2. Non poderán ser nomeados xefe de estudios ou secretario os mestres que, por calquera causa, non vaian prestar servicio no centro no curso académico seguinte ó da súa toma de posesión. 3. O director remitiralle os nomes dos mestres que han de ocupa-los cargos ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co fin de que sexan nomeados por este. O nomeamento e toma de posesión realizarase con efectos do 1 de xullo seguinte á celebración das eleccións. Artigo 29º 1. Nos centros de nova creación o xefe de estudios e, de se-lo caso, o secretario serán designados e nomeados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 2. En situacións excepcionais, logo de proposta do director, oído o consello escolar, poderán ser nomeados profesores que non teñan destino definitivo no centro. Artigo 30º O xefe de estudios e o secretario cesarán nas súas funcións ó remate do seu mandato ou ó producirse algunha das circunstancias seguintes: a) Renuncia motivada aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do director do centro. b) Traslado temporal ou definitivo, voluntario ou forzoso, pase a situación de servicios especiais, xubilación, excedencia voluntaria ou forzosa e suspensión de funcións de acordo co disposto na lexislación vixente. c) Cando cese o director que os designou. d) Destitución polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por proposta do director mediante escrito razoado, logo de comunicación ó consello escolar. Artigo 31º O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá cesar ou suspender de funcións a calquera dos membros do equipo directivo, cando exista incumprimento grave das súas funcións, logo de informe razoado do director, dando audiencia ó interesado e oído o consello escolar. Artigo 32º Cando cese nas súas funcións o xefe de estudios ou secretario polas causas enumeradas nos artigos anteriores, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará, para o período restante de mandato do director, ó mestre que este designe, logo de comunicación ó consello escolar. No caso de centros de nova creación, será o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o que realice a designación e nomeamento correspondente. Artigo 33º En caso de ausencia, enfermidade ou suspensión de funcións do xefe de estudios ou secretario, farase cargo temporalmente das súas funcións o mestre que designe o director, logo de comunicación ó consello escolar. Artigo 34º É competencia do xefe de estudios: a) Exercer, por delegación do director e baixo a súa autoridade, a xefatura do persoal docente en todo o relativo ó réxime académico. b) Substituí-lo director en caso de ausencia, enfermidade ou suspensión de funcións. c) Coordinar e velar pola execución das actividades de carácter académico e de orientación de profesores e alumnos, en relación co proxecto educativo do centro, os proxectos curriculares de etapa e a programación xeral anual. d) Elaborar, en colaboración cos restantes órganos unipersoais, os horarios académicos de alumnos e profesores de acordo cos criterios aprobados polo claustro e co horario xeral incluído na programación xeral anual, así como velar polo seu estricto cumprimento. e) Coordina-la actividade dos coordinadores de ciclo. f) Coordinar e orienta-la acción dos titores de acordo co plan de acción titorial. g) Coordina-la participación do profesorado nas actividades de perfeccionamento, así como planificar e organiza-las actividades de formación de profesores realizadas polo centro (misión asumida polo coordinador de formación do profesorado, segundo a modificación introducida pola disposición derradeira do Decreto 245/1999, do 29 de xullo (DOG do 1 de setembro), polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios). h) Coordina-la actividade docente do centro, con especial atención ós procesos de avaliación, adaptación curricular e actividades de recuperación, reforzo e ampliación. i) Facilita-la organización dos alumnos e impulsa-la súa participación no centro. l) Establece-los mecanismos para corrixir ausencias imprevistas do profesorado, atención a alumnos accidentados ou calquera eventualidade que incida no normal funcionamento do centro. m) Organiza-la atención dos alumnos nos períodos de lecer. n) Calquera outra función que lle poida ser encomendada polo director dentro do ámbito da súa competencia. Artigo 35º É competencia do secretario: a) Ordena-lo réxime administrativo do centro, de conformidade coas directrices do director. b) Actuar como secretario dos órganos colexiados de goberno do centro, levantar acta das sesións e dar fe dos acordos co visto e prace do director. c) Custodia-los libros e arquivos do centro coa colaboración dos coordinadores do ciclo. d) Expedi-las certificacións que soliciten as autoridades e os interesados. e) Realiza-lo inventario xeral do centro e mantelo actualizado. f) Custodiar e dispoñe-la utilización dos medios audiovisuais, material didáctico, mobiliario ou calquera material inventariable. g) Coordinar, dirixir e supervisar, por delegación do director, a actividade e funcionamento do persoal de administración e de servicios adscrito ó centro. h) Elabora-lo anteproxecto de orzamento do centro de acordo coas directrices do consello escolar e oída a comisión económica. i) Ordena-lo réxime económico do centro, de conformidade coas instruccións do director, realiza-la contabilidade e render contas ante o consello escolar e as autoridades correspondentes. l) Velar polo mantemento material do centro en tódolos seus aspectos, de acordo coas indicacións do director. m) Dar a coñecer e difundir a toda a comunidade educativa a información sobre normativa, disposicións legais e asuntos de interese xeral ou profesional que se reciba no centro. n) Presidir, se é o caso, e, por delegación do director, a comisión económica. ñ) Calquera outra función que lle encomende o director dentro do seu ámbito de competencia. Órganos colexiados de goberno, composición e atribucións deles
O consello escolar. Artigo 36º O consello escolar do centro é o órgano a través do cal participan na súa xestión os distintos membros da comunidade escolar. Artigo 37º O consello escolar das escolas de educación infantil e colexios de educación primaria estará composto polos seguintes membros: 1. Centros de oito, ou máis, unidades. a) O director, que será o seu presidente. b) O xefe de estudios. c) Un concelleiro ou representante do concello do municipio no que estea situado o centro. d) Un representante do persoal de administración e servicios. e) Cinco mestres elixidos polo claustro. f) Cinco representantes dos pais de alumnos. g) O secretario do centro, que actuará como secretario do consello, con voz, pero sen voto. 2. Centros de seis ou sete unidades. a) O director, que será o seu presidente. b) Un concelleiro ou representante do concello do municipio no que estea situado o centro. c) Tres mestres elixidos polo claustro. d) Tres representantes dos pais de alumnos. e) O secretario do centro, que actuará como secretario do consello, con voz, pero sen voto. 3. Centros de tres, catro ou cinco unidades. a) O director, que será o seu presidente. b) Un concelleiro ou representante do concello do municipio no que estea situado o centro. c) Dous mestres elixidos polo claustro. Un deles, designado polo director, actuará como secretario, con voz e voto no consello. d) Dous representantes dos pais de alumnos. 4. Centros dunha ou dúas unidades. O consello escolar estará integrado polos profesores, un pai e un representante do concello. Será presidido polo profesor que ten encomendadas as funcións correspondentes ós órganos de goberno unipersoais. Artigo 38º No caso de colexios rurais agrupados que pertenzan a varios concellos, cada ano académico terá a representación municipal un dos concellos de xeito rotativo. O representante municipal estará obrigado a informar a tódolos concellos dos asuntos tratados e das decisións adoptadas polo consello escolar. Artigo 39º 1. Dos representantes que lles corresponden ós pais no consello escolar un será proposto pola asociación de pais máis representativa, os outros serán elixidos por votación ante a mesa electoral polos pais, nais ou titores de acordo co procedemento establecido no Decreto 92/1988, do 28 de abril. A xunta electoral solicitaralle, cando proceda, á asociación de pais de alumnos do centro, legalmente constituída, que teña maior número de asociados por proposta dun representante para o consello escolar, dando un prazo de 10 días para o efecto. 2. No caso de non existir proposta da asociación de pais de alumnos para ocupa-la praza que lle corresponde á mesma, esa vacante cubrirase conxuntamente e co mesmo procedemento que os outros representantes dos pais. Para efectos de futura renovación parcial, asignarase a praza correspondente á proposta da asociación de pais de alumnos ó candidato máis votado Artigo 40º Cando deban ser elixidos tódolos membros e cando se constitúa o consello escolar dos centros de nova creación, cada elector fará constar na súa papeleta un máximo dun, dous, tres ou catro nomes segundo corresponda elixir menos de tres, tres, catro ou máis de catro representantes respectivamente. Artigo 41º (Redactado conforme ó establecido na disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitaria). Sen prexuízo do establecido no artigo 49º.2, dous anos despois de que se constitúa o Consello Escolar con tódolos membros, levarase a cabo a súa primeira renovación parcial e serán substituídos os seguintes membros: a) Se o número total de membros electos do respectivo sector é par, renovarase a metade dos membros. b) Se o número total de membros electos do respectivo sector é impar, procederase do seguinte xeito: - Se o número total é de 1 membro: renóvase este membro. - Se o número total é de 3 membros: renóvase 1 membro. - Se o número total é de 5 membros: renóvanse 2 membros. - Se o número total é de 7 membros: renóvanse 3 membros. Para determina-las persoas concretas substituídas haberá haberá que aterse inicialmente á voluntariedade. Se esta non se producise, os afectados serán os seguintes: - Profesorado: menor antigüidade no centro, no corpo e menor idade, por esta orde. - Pais e nais de alumnos ou alumnas: os que antes vaian a deixar de formar parte da comunidade educativa, tendo en conta o curso escolar dos seus fillos. En caso de igualdade, determinarase por orde alfabética, sendo afectado o que primeiro apareza nesa orde. - Alumnado: o que antes deixe de ser alumno do centro. En caso de igualdade, aplicarase o criterio sinalado no parágrafo anterior. Dous anos despois, substituiranse os membros non afectados na renovación parcial citada. Artigo 42º Nos centros de educación de adultos, de educación especial e colexios rurais agrupados, así como naquelas unidades ou centros de características singulares, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá adapta-lo disposto nos artigos anteriores ás características deles. Artigo 43º O consello escolar do Centro terá as seguintes atribucións: a) Establece-las directrices e elaborar propostas para a elaboración do proxecto educativo do centro, aprobalo, avalialo e, se é o caso, introducir modificacións, sen prexuízo das competencias que o claustro de profesores ten atribuídas en relación coa planificación e organización docente. b) Elixi-lo director do centro. c) Propoñe-la revogación do nomeamento do director, logo de acordo dos seus membros, adoptado por maioría de dous tercios. d) Decidir sobre a admisión de alumnos, con suxeición ó establecido na lexislación vixente. e) Aprobar e modifica-lo Regulamento de réxime interior do centro. f) Resolve-los conflictos e impoñe-las correccións con finalidade pedagóxica que corresponda a aquelas conductas do alumnado que prexudiquen gravemente a convivencia do centro. g) Aproba-lo proxecto de orzamento do centro e a execución del. h) Aprobar e avalía-la programación xeral anual do centro, respectando, en todo caso, os aspectos docentes que competen ó claustro. i) Aproba-la programación das actividades extraescolares e complementarias e avalia-lo seu desenvolvemento. l) Establece-las directrices para a participación do centro en actividades culturais, deportivas e recreativas. m) Establece-los criterios de colaboración con outros centros, entidades ou organismos. n) Promove-la renovación das instalacións e equipamento do centro, e vixia-la súa conservación ñ) Analizar e valora-lo funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados da avaliación que do centro realice a Administración educativa. o) Colaborar coa inspección educativa nos planos de avaliación de centro, nos termos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza. Artigo 44º No seo do consello escolar existirá unha comisión económica, integrada polo director, un mestre, un pai de alumno e o secretario, de existir este no centro. Así mesmo, poderán constituírse outras comisións para asuntos específicos, nas que estarán presentes, polo menos, un mestre e un pai de alumno. Artigo 45º Os alumnos poderán estar representados no consello escolar dos colexios de educación primaria, con voz, pero sen voto, nas condicións que establezan os respectivos regulamentos de réxime interior.
O claustro de profesores. Artigo 46º 1. O claustro de profesores é o órgano propio de participación destes no goberno do centro e ten a responsabilidade de planificar, coordinar, decidir e, se é o caso, informar sobre tódolos aspectos docentes del. 2. O claustro estará integrado pola totalidade dos profesores que presten servicio nel e será presidido polo director do centro. Artigo 47º Son competencias do claustro: a) Elevar ó equipo directivo propostas para a elaboración dos proxectos educativo e curricular do centro e da programación xeral anual. b) Aprobar e avalia-los proxectos curriculares e os aspectos docentes da programación xeral anual, conforme o proxecto educativo do centro. c) Determinar cal é a lingua materna predominante entre os alumnos e alumnas, así como a lingua ambiental, co fin de que o profesorado de educación infantil e primeiro ciclo a use na clase coidando á súa vez que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. d) Aproba-lo procedemento que permita determinar de xeito individualizado o coñecemento da lingua materna dos alumnos e alumnas co fin de que sexan atendidos adecuadamente. e) Promover iniciativas no ámbito da experimentación e da investigación pedagóxica e na formación do profesorado do centro. f) Elixi-los seus representantes no consello escolar do centro e no consello directivo do centro de formación continuada do profesorado. g) Propoñer todo tipo de iniciativas que tendan a mellora-lo funcionamento do centro en calquera dos seus aspectos. h) Aproba-los criterios pedagóxicos para a elaboración dos horarios dos alumnos. i) Aproba-la planificación xeral das sesións de avaliación e cualificación. l) Analizar e valora-lo rendemento escolar do centro mediante os resultados das avaliacións e outros parámetros que se consideren pertinentes. m) Coñece-las candidaturas á dirección e os programas presentados polos candidatos. n) Coordina-las funcións referentes a orientación, titoría, avaliación e recuperación dos alumnos e alumnas. ñ) Analizar e valora-los resultados da avaliación que do centro realice a Administración educativa ou calquera informe referente á súa marcha. o) Colaborar coa inspección educativa nos plans de avaliación do centro. Procedemento de elección, constitución, renovación, substitución e funcionamento dos órganos colexiados de goberno.
Artigo 48ºO procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos órganos colexiados de goberno rexerase polo disposto no Decreto 92/1988, do 28 de abril modificado polo Decreto 324/1996, de 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria. Artigo 49º 1. A elección do consello escolar e constitución del nos centros de nova creación efectuarase no mes de outubro. 2. A primeira renovación do consello escolar producirase ó cabo dun ano ou dous, de maneira que coincida coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma. Artigo 50º O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados previstos neste regulamento, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma acordos, requirirá a presencia do presidente e secretario ou, se é o caso, dos que os substitúan, e da metade polo menos, dos seus membros. Se non existira quórum, o órgano constituirase en segunda convocatoria no seguinte día lectivo, no mesmo lugar e na mesma hora; neste caso será suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros, e, en todo caso, un número non inferior a tres, sen prexuízo da presencia do presidente e o secretario ou persoas que os substitúan. Sen prexuízo do anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer, con carácter excepcional, a esixencia de maioría cualificada na toma de determinadas decisións de especial importancia para o funcionamento do centro e que afecten ó conxunto da comunidade educativa. Artigo 51º 1. As reunións do consello escolar celebraranse en día e hora que posibiliten a asistencia de tódolos membros. 2. Os órganos colexiados reuniranse preceptivamente en sesión ordinaria unha vez por trimestre e sempre que os convoque o seu presidente ou o solicite un tercio, polo menos, dos seus membros. Neste último caso, o presidente realizará a convocatoria no prazo máximo de 20 días a contar desde o seguinte día a aquel no que se presente a petición. A sesión celebrarase como máximo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da entrega da petición de convocatoria. En todo caso reunirase ó inicio e ó remate do curso. 3. (Texto engadido conforme ó establecido na disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitaria). Nas reunións ordinarias o director remitiralles ós membros do órgano colexiado, xunto coa convocatoria, e cunha antelación mínima dunha semana, a documentación necesaria para o mellor desenvolvemento da sesión. Se os asuntos que se vaian tratar así o aconsellan, poderán realizarse convocatorias extraordinarias cunha antelación mínima de corenta e oito horas e sen suxeición a prazo previo nos casos de urxencia. Artigo 52º Os profesores pertencentes ós órganos colexiados están obrigados a asistir ás reunións deles. Órganos de coordinación docente Artigo 53º 1. Nas escolas de educación infantil e nos colexios de educación primaria con seis ou máis unidades existirán os seguintes órganos de coordinación docente: a) Equipos de ciclo. b) Comisión de coordinación pedagóxica. c) Equipo de normalización lingüística. d) Equipo de actividades complementarias e extraescolares. 2. Nos centros con menos de seis unidades as funcións da comisión de coordinación pedagóxica, equipo de normalización lingüística e equipo de actividades complementarias e extraescolares serán asumidas polo claustro. 3. En tódolos centros, independentemente do número de unidades, haberá un mestre titor por cada grupo de alumnos. Equipos de ciclo
Artigo 54º1. Os equipos de ciclo, que agruparán a tódolos mestres que impartan docencia nel, son os órganos básicos encargados de organizar e desenvolver, baixo a supervisión do xefe de estudios, as ensinanzas propias do ciclo. 2. Son competencia do equipo de ciclo: a) Formular propostas ó equipo directivo e ó claustro relativas á elaboración do proxecto educativo e programación xeral anual. b) Formular propostas á comisión de coordinación pedagóxica relativas á elaboración dos proxectos curriculares de etapa ou a modificación deles. c) Manter actualizada a metodoloxía didáctica. d) Elabora-la programación didáctica das ensinanzas que ten encomendadas, seguindo as directrices xerais establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica. Artigo 55º (Redactado conforme ó establecido na disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitaria). Cada equipo de ciclo estará dirixido por un coordinador, que desempeñará as súas funcións durante dous cursos académicos, sempre que siga formando parte do ciclo, e serán designados polo director do centro, por proposta do equipo de ciclo. Deberán ser mestres que impartan docencia no ciclo, preferentemente con destino definitivo e horario completo no centro. Artigo 56º Corresponde ó coordinador do ciclo: a) Dirixir e coordina-las actividades académicas do equipo de ciclo. b) Convocar e presidi-las reunións do equipo de ciclo. c) Participar na elaboración do proxecto curricular de etapa e elevar á comisión de coordinación pedagóxica as propostas formuladas a este respecto polo equipo de ciclo. d) Coordina-las funcións de titoría dos alumnos do ciclo. e) Coordina-la ensinanza no correspondente ciclo de acordo co proxecto curricular de etapa. f) Responsabilizarse da redacción da programación didáctica do ciclo. g) Responsabilizarse de que se levante acta das reunións e de que se elabore a memoria final de curso. h) Coordina-la organización de espacios e instalacións e velar pola correcta conservación do equipamento específico do equipo. i) Aqueloutras funcións que lle encomende o xefe de estudios na área da súa competencia, especialmente as relativas ó reforzo educativo, adaptación curricular e actividades complementarias. l) Colaborar co secretario ou secretaria na elaboración e actualización do inventario do centro. Artigo 57º A programación didáctica dos equipos de ciclo incluirá, necesariamente, os seguintes aspectos: a) Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación, con especial referencia ós mínimos esixibles. b) A metodoloxía didáctica que se vai aplicar. c) Os procedementos de avaliación da aprendizaxe dos alumnos. d) As actividades de recuperación e os reforzos para logra-la dita recuperación. e) Os materiais e recursos didácticos que se vaian utilizar, incluídos os libros para uso dos alumnos. f) A programación correspondente ós temas transversais. g) As actividades complementarias e extraescolares que se pretenden realizar desde o equipo de ciclo. h) As medidas de atención á diversidade e, se é o caso, as adaptacións curriculares para os alumnos que as precisen. Artigo 58º Os profesores programarán a súa actividade docente de acordo coas programacións didácticas do ciclo ó que pertenzan, incluídas no correspondente proxecto curricular de etapa. No caso de que algún profesor decida incluír na programación da súa actividade docente algunha variación con respecto á programación conxunta do equipo, esta variación, e a xustificación correspondente, incluirase na programación deste, sempre que así o acorde o equipo de ciclo, ou, en último caso, a comisión de coordinación pedagóxica. Artigo 59º Os coordinadores de ciclo cesarán nas súas funcións ó final do seu mandato ou ó producirse algunha das causas seguintes: a) Renuncia motivada aceptada polo director, oído o equipo de ciclo. b) Revogación polo director por proposta do equipo de ciclo mediante informe razoado, con audiencia do interesado. Artigo 60º Cando cese algún coordinador antes de finaliza-lo prazo para o que foi nomeado, o director nomeará un profesor que o substitúa ata o 30 de xuño, de acordo co procedemento sinalado no artigo 55º. Comisión de coordinación pedagóxicaArtigo 61º A comisión de coordinación pedagóxica estará integrada polo director, como presidente; nos centros onde exista, o xefe de estudios; os coordinadores de ciclo; o profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais e o coordinador do equipo de normalización lingüística; actuará como secretario un membro da comisión, designado polo director, oídos os restantes membros (tamén formará parte da comisión de coordinación pedagóxica o coordinador de formación do profesorado, segundo o artigo 17º.4 do Decreto 245/1999, do 29 de xullo (DOG do 1 de setembro), polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios). Artigo 62º A comisión de coordinación pedagóxica terá, en relación co réxime de funcionamento regulado no título IV deste regulamento, as seguintes competencias; a) Elevar propostas ó claustro co fin de establece-los criterios para a elaboración dos proxectos curriculares. b) Velar para que a elaboración dos proxectos curriculares de etapa e o plan de acción titorial se realice conforme os criterios establecidos polo claustro. c) Asegura-la coherencia entre o proxecto educativo do centro, os proxectos curriculares de etapa e a programación xeral anual. d) Establece-las directrices xerais para a elaboración das programacións didácticas dos equipos de ciclo e do plan de acción titorial, así como das adaptacións curriculares incluídas no proxecto curricular. e) Propoñer ó claustro de profesores os proxectos curriculares para a súa aprobación. f) Velar polo cumprimento e posterior avaliación dos proxectos curriculares de etapa. g) Canaliza-las necesidades de formación do profesorado cara ó centro de Formación Continuada do Profesorado. h) Realizar, de se-lo caso, a proposta ó xefe de estudios co fin de que se designe o responsable do equipo de actividades complementarias e extraescolares. i) Propoñe-los profesores que han de formar parte do equipo de normalización lingüística. Equipo de normalización lingüísticaArtigo 63º 1. Para potencia-lo uso da lingua galega constituirase nos centros un equipo de normalización lingüística, constituído por: a) Un profesor de cada ciclo, por proposta da comisión de coordinación pedagóxica. 2. Os membros do equipo serán nomeados polo director. 3. Poderán incorporarse ó traballo do equipo para temas puntuais outros membros da comunidade educativa. Artigo 64º É competencia do equipo de normalización lingüística: 1. Presentar, a través do claustro, propostas ó equipo directivo para a fixación dos obxectivos de normalización lingüística que se incluirán no proxecto educativo de centro. | |||||||||